FERNÁNDEZ-TAPIAS PON AO PROXECTO TÉXTIL JUAN MARÍA BY LOLOLA COMO EXEMPLO DOS PROGRAMAS DE INTEGRACIÓN LABORAL PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe  co alumnado do programa do Centro Especial de Emprego Juan Maria de Nigrán na presentación dunha nova edición deste ciclo de formación dual
Un total de 10 persoas con discapacidade intelectual poderán formarse en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo
“Apostamos polos centros especiais de emprego (CEE) como a crave decisiva para integración real e en igualdade de oportunidades deste colectivo”, aseverou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a importante contribución dos centros especiais de emprego (CEE) na procura dunha integración real e en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. Así o fixo coincidindo coa presentación dunha nova edición do programa de formación dual de emprego que está a desenvolver o Centro Juan María de Nigrán co apoio da Xunta. No acto estivo acompañada polos directores xerais de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González Abeijón.

En concreto, un total de 10 persoas con discapacidade intelectual iniciarán a súa formación en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola. Un proxecto de moda inclusiva ao que Marta Fernández-Tapias sinalou como exemplo da integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.

“O noso principal reto é o de mellorar as condicións laborais dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un traballo”, indicou a representante autonómica, antes de referirse ao Plan Emprega Discapacidade e Exclusión  posto en marcha polo Goberno galego e dotado este ano con 46 millóns de euros. Con novidades importantes, dixo, como a activación dun servizo de intermediación avanzado para persoas con discapacidade  e iniciativas de formación e asesoramento para incrementar as oportunidades laborais destes colectivos.

O proxecto do centro de emprego Juan María Empleo e a firma viguesa Lolola, especializada en deseños personalizados, conta cun apoio da Consellería de Emprego e Igualdade de preto de 350.000 euros. Trátase de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego. Ao seu remate os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción laboral e obteñen certificados de profesionalidade.