FERNÁNDEZ-TAPIAS PARTICIPA NA PRESENTACIÓN DO LIBRO DO PERIODISTA VIGUÉS FERNANDO FRANCO 40 AÑOS DE MODA EN GALICIA

A publicación, editada por Guiverny coa colaboración da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 rende tributo á época na que Galicia, e nomeadamente Vigo, foron vangarda creativa e comercial no sector da moda, da música e da arte

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá na presentación do libro do periodista vigués Fernando Franco 40 Años de Moda en Galicia, editado por Guiverny coa colaboración da  Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22.

A publicación rende tributo á época na que Galicia foi vangarda creativa e comercial no sector da moda, coincidindo ademais cun momento de gran efervescencia cultural e social, con Vigo como epicentro. A explosión da moda galega iría acompañada do que se denominou o fenómeno da “Movida” que, xunto a Galicia Moda, situou á Comunidade e nomeadamente a Vigo no centro do mapa, tanto no campo da música, como da arte, a poesía e as revistas máis rupturistas.

“Ao recordar aquela época xorden inevitablemente grupos musicais e melodías, pero tamén deseños vigueses que triunfaron sobre as pasarelas de Madrid, Barcelona o París”, sinalou Fernández-Tapias. Durante a súa quenda de intervención, a  representante autonómica adicou unha mención especial a Gene Cabaleiro e a súa marca Daquino. “Un dos artífices de situar á cidade á vangarda da industria téxtil”, anotou.

Fernández-Tapias incidiu en que “Vigo e o Xacobeo volven a unirse con este 40 Años de Moda en Galicia nun proxecto de cidade, no que Fernando Franco, a directora da editorial Belén Fortes e David Cabaleiro, fillo de Gene Cabaleiro, “son quen de recuperan aqueles días nos que Vigo e Galicia viviron unha explosión creativa única na escena nacional”.  “Estou convencida de que se aínda vivise o xenial e irrepetible Luís Carballo -publicista ourensán afincado en Vigo e creador do Pelegrín, a mascota do Xacobeo 93- estaría de acordo comigo”, concluíu.

40 Años de Moda en Galicia

Editorial Guiverny presenta a primeira obra que aborda o fenómeno do nacemento da “Moda Galega” hai agora 40 anos. Coordinado polo xornalista Fernando Franco, nel tamén participan cos seus textos: Román Pereiro, Fran Alonso, Silvino Díaz, David Cabaleiro, Fernando Guldrís, Cristina Varela, Xulio Correa, Víctor González, Amalia Gallego, Fernando A. Fernández Domonte, Javier Moreda e Xaime Fandiño. Contribúen coas súas imaxes algúns dos fotógrafos galegos máis salientables do momento, desde Manuel Outumuro a Víctor de las Heras ou Javier Herranz.

Sen esquecer os comezos do sector téxtil en Galicia, o libro rexistra a constitución do grupo Galicia Moda, con sede en Vigo, ao que se sumarían empresas como Florentino, Gene Cabaleiro, Kina Fernández, Bimba y Lola, Purificación García, Nanos, Alba Conde, Selmark, etc., e tamén aqueles modistos que foron por libre, como Adolfo Domínguez ou Roberto Verino.

A segunda parte recolle a famosa “Movida dos 80”, que rodeou a este fenómeno; unha explosión de creatividade na que a música sobre todo (Siniestro Total, Golpes Bajos, Semen Up, Aerolíneas Federales, etc.), pero tamén a literatura, as artes plásticas ou novas publicacións como a lendaria Tintimán, floreceron arredor de Galicia Moda e da revista homónima, hoxe desaparecida.