FERNÁNDEZ-TAPIAS PARTICIPA NA ENTREGA DO PREMIO PEME DO ANO 2023 PONTEVEDRA

​A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe no acto de entrega do Premio Peme do Ano 2023 Pontevedra e dos accésits á internacionalización, dixitalización e innovación, formación, emprego e sostibilidade, nun acto celebrado na Cámara de Comercio de Vigo. “Unha xornada na que celebramos o éxito das empresas que teñen demostrado a súa capacidade de adaptación nun contexto especialmente complicado”, apuntou a representante provincial desde a tribuna.

Na súa intervención, Fernández-Tapias subliñou o carácter emprendedor da cidade de Vigo, “que sempre destacou polo seu dinamismo e innovación”,  e o papel das pequenas e medianas empresas da provincia, “as verdadeiras xeradoras de riqueza e creadoras de emprego”, engadiu.

Ademais, a vicepresidenta manifestou a vontade do goberno provincial de apoiar ás empresas da provincia e potenciar o seu desenvolvemento polo seu importante papel como “motor económico”. “Sodes –engadiu- a mellor tarxeta de presentación desta provincia e contribuídes a expandir a súa marca por todo o planeta e isto é o que queremos, dar pasos cara adiante, sen deternos, para que esta provincia vaia a máis, sexa sinónimo de vangarda, de emprego, de empresa, de dinamismo, de prosperidade e modernidade”.