FERNÁNDEZ-TAPIAS PARTICIPA NA CAMPAÑA NACIONAL PARA LOITAR CONTRA A “BASURALEZA” E FOMENTAR A RECICLAXE

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu este sábado ao parque forestal de Maruxento na iniciativa promovida por Ecoembes e Libera en colaboración coa Comunidade de Montes de Matamá

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu este sábado ao parque forestal de Maruxento para participar na campaña medioambiental de carácter nacional “1m2 contra a basuraleza” organizada por Ecoembes, Libera (SEO/BirdLife) e a Comunidade de Montes de Matamá. A representante autonómica colaborou así no proxecto destinado a loitar contra a “basuraleza”, concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo.

Miles de voluntarios mobilizáronse este sábado e participaron na recollida de residuos en contornas naturais de todas as provincias españolas. O Proxecto Libera, de SEO BirdLife en alianza con Ecoembes, puxo en marcha a sexta edición desta gran recollida colaborativa de residuos que se convoca cada ano en diferentes puntos de España para liberar os espazos de “basuraleza”.