FERNÁNDEZ-TAPIAS: “O GOBERNO FALTA AO RESPECTO A VIGO CUN FORO DE PESCA A CAMBIO DA SEDE DO IEO”
La delegada territorial de la Xunta en Vigo cualifica como unha “escusa” o anuncio da mesa permanente da ciencia e da pesca
“É unha ofensa ao entendemento da sociedade galega e constitúe só un paso máis no despropósito da xestión do IEO”, sinalou
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, cualificou como “decepcionante” a visita este luns á cidade da ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, e lamentou que o Goberno central non atenda as peticións para que Vigo sexa sede do Instituto Español de Oceanografía (IEO).
“Esperabamos que a ministra viñese darnos boas noticias a Vigo e anunciase que a cidade será sede do IEO, pero en lugar diso ofrécenos un foro que ata o momento non ten organigrama, estratexia definida, nin data concreta para a súa convocatoria”, sinalou Fernández-Tapias sobre a anunciada mesa permanente da ciencia e da pesca.
A representante autonómica instou ao alcalde, Abel Caballero, a cumprir a súa promesa de fai tan só unhas semanas, cando anunciou que mediaría co Goberno para lograr o recoñecemento que se merece Vigo e mesmo chegou a asegurar que estaba “moi esperanzado” coa concesión da sede do IEO.
“En lugar diso hoxe asistimos a unha cortina de fume, unha escusa para obviar a realidade e o problema que atravesa o Instituto Español de Oceanografía e a decisión unilateral de desmembralo e deixar a Galicia sen opcións de acollelo por unha mera decisión política”, sinalou. Tamén apuntou que a xestión que está a facer o Goberno central deste organismo é “nefasta, un disparate e un despropósito, pois supón avanzar no seu desmantelamento”.
A delegada sinalou que é unha nova falta de respecto a Galicia e a Vigo, ao seu sector marítimo-pesqueiro, aos centros e ao persoal do IEO na nosa comunidade. “Aínda máis: é unha ofensa ao entendemento da sociedade galega e constitúe só un paso máis no despropósito da xestión do IEO, que trae moitas palabras, pero sen feitos e respostas a preguntas como: en que vai mellorar a pesca galega e a de Vigo?”, engadiu.
Cesión a Galicia
“Asistimos unha vez máis aos bandazos do Goberno central en materia de investigación. Por iso, pedímoslle que deixe de marear a perdiz e que se non se sente capacitado para manter e xestionar adecuadamente o IEO, o ceda a Galicia para potencialo”, dixo a representante autonómica. Así o pediu o Parlamento galego nunha recente declaración institucional.
Fernández-Tapias lembrou outros asuntos da maior importancia para Vigo nos que o Goberno desatende á cidade. “O Perte de Stellantis, a Alta Tensión, o Saída Sur… a lista é interminable, a secuencia sempre é a mesma e o final tamén é coñecido. Botamos de menos tamén á ministra de Industria, porque o alcalde tan só dedícase a declaracións altisonantes en busca de titulares que uns días despois convértense nun desastre anunciado”, concluíu.