FERNÁNDEZ-TAPIAS LAMENTA QUE CONCELLO AÍNDA NON SOMETERA A INFORMACIÓN PÚBLICA O PROXECTO DO POLÍGONO 1 DE NAVIA E LEMBRA QUE O SUBRECUSTO POLO ATRASO É DE 2,4 M€
A delegada territorial sinala que a Xunta non poderá adxudicar as obras de urbanización, a licitación desde onte, ata que a aprobación sexa definitiva
“O Concello conta co proxecto desde hai un ano, anunciou hai máis de dúas semanas a aprobación inicial, pero segue paralizado na administración municipal”, incide
A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, lamentou hoxe que o Concello de Vigo aínda non sometera a información pública o proxecto de urbanización do polígono 1 de San Paio de Navia e lembrou que o atraso provocado pola administración municipal na aprobación do plan de ampliación de todo o ámbito xa supoña un sobrecusto no importe de licitación de 2,4 millóns de euros.
Así mesmo, abundou en que o Goberno galego tivera que coñecer onte a “suposta aprobación inicial” dos polígonos 2 e 3 “a través dos medios de comunicación” e non recibira ningunha notificación por parte da Xerencia de Urbanismo.
A Xunta de Galicia sacou onte a licitación por 11.453.034,13 millóns de euros as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación do barrio residencial. As empresas interesadas teñen ata o 2 de maio para presentar as súas ofertas, pero Fernández-Tapias sinalou que as actuacións non se poderán adxudicar ata que a aprobación do proxecto sexa definitiva.
“O Concello de Vigo conta co proxecto desde hai un ano, anunciou hai máis de dúas semanas a aprobación inicial, pero segue paralizado na administración municipal”, incidiu, recordando que a cidade “precisa canto antes as 1.600 novas vivendas protexidas proxectadas en Navia”.
Cómpre lembrar que a documentación correspondente á primeira fase da ampliación foi presentada polo IGVS en abril de 2021, pouco antes de que lle foran remitidos tamén os documentos dos dous polígonos restantes. Desde entón, o Concello realizou multitude de requirimentos que foron dilatando a tramitación e, nalgúns casos, mesmo supuxeron cambios de criterio ou a inclusión de elementos que non foran requiridos polo Goberno local con anterioridade.
Así, para adaptarse á preferencia manifestada polo Concello, a Xunta aceptou cambiar toda a rede de abastecemento de polietileno a fundición, un xesto de boa vontade co fin de tentar desbloquear a tramitación dos proxectos. De igual xeito, o IGVS tamén se adaptou ás preferencias manifestadas a posteriori polo Concello con relación á capa de rodadura dos viarios, incrementando o seu espesor por encima do que esixe a normativa.
Estes dous cambios solicitados polo Goberno local, máis aló das esixencias legalmente establecidas, obrigaron aos redactores a facer novos cálculos e adaptar os tres proxectos orixinais, ademais de carrexar un aumento dos custos previstos inicialmente que, sumado á suba experimentada polos materiais de construción, ascende en total a 2,4 millóns de euros.
Así, cando en abril do ano pasado o prezo base de licitación estimado para urbanizar as tres fases da ampliación era de 24,6 millóns de euros, agora suma xa 27 millóns de euros, case un 10% máis.
“Só no polígono 1 o sobrecusto é de máis dun millón de euros, polo que volvemos reiterar axilidade ao Concello para que as súas pedras no camiño non repercutan no peto de todos os galegos”, subliñou Marta Fernández-Tapias.
O novo ámbito residencial de San Paio de Navia abrangue unha superficie total de 265.000 m2 no que se prevé realizar un investimento público-privado de 250 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas.