Fernández-Tapias inaugura un abril de conto, a probramación coa que a biblioteca “Juan Compañel» busca achegar a lectura á cativada

Os contos acapararán este mes o protagonismo con actividades dirixidas a bebés de ata 3 anos e a nenos e nenas de 4 anos en adiante
Co gallo do Día do libro infantil e xuvenil e do Día do libro, organizanse mostras bibliográficas sobre Hans Christian Andersen e as gañadoras do Premio Cervantes

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inaugurou hoxe a programación de abril prevista pola Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, xestionada pola Xunta de Galicia, na que os contos son os protagonistas, con actividades dirixidas a bebés de ata 3 anos e á cativada de 4 anos en adiante. Unha iniciativa coa que se busca achegar aos máis pequenos á lectura con diversos contacontos, incidiu a representante autonómica, quen recordou que este é o mes do Día Internacional do libro infantil e xuvenil e o Día do libro.

Os sábados, conto, que se desenvolverá tamén os vindeiros 17 e 24, dende as 12,00 h ata as 12.45., contou nesta primeira sesión cunha lectura a cargo da actriz Ana Carreira con historias de trasnos e das súas falcatruadas en Trasnadas. O próximo sábado, o contacontos Iago López fará que os pequenos acompañen a osa Marosa e a toupiña Mariña no seu Camiño á catedral de Santiago, onde rompeu a corda do botafumeiro, con Marosa e Mariña camiñan a Compostela. Xa na derradeira xornada, a escritora María Canosa contaralles a historia da súa autoría Matías, un pito con moito conto, onde se valora a personalidade, a diferenza que nos fai únicos e o valor necesario para converter isto nunha fortaleza.

Os bebés de ata 3 anos gozarán de novo o 22 de abril, ás 18,00 h, da Biblioteca dos pequenos. Tras unha primeira sesión na que Marisa Irimia fixo un achegamento lúdico á lectura e aos libros con Érase unha vez…un conto, incidindo no desenvolvemento da linguaxe. Nesta segunda ocasión, Raquel Galavis fará unha proposta de contos cantados con Andando polo camiño. A duración é de arredor de media hora.

Ademais, continúan desenvolvéndose os habituais clubs de lectura, en francés os luns, en italiano os martes, en castelán os  mércores, en portugués e galego os xoves, e en inglés os venres.

Mostras conmemorativas

E tras a mostra bibliográfica de Hans Christian Andersen coa que a Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel conmemoraba o pasado 2 de abril o Día Internacional do libro infantil e xuvenil, o Día do libro e dos dereitos de autoría celebrarase coa mostra bibliográfica As gañadoras do Premio Cervantes, un percorrido pola obra de María Zambrano, Dulce María Loynaz, Ana María Matute, Elena Poniatowska e Ida Vitale. Ambas as dúas exposicións estarán abertas ao público ao longo de todo este mes.

A axenda das actividades previstas está dispoñible na web da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel.