FERNÁNDEZ-TAPIAS INAUGURA A PRAZA “MIGUEL ÁNGEL BLANCO” NA CIDADE DA XUSTIZA DE VIGO EN MEMORIA DA DEMOCRACIA E PARA “NON ESQUECER NUNCA A UN HOME VALENTE E COMPROMETIDO”
A delegada territorial da Xunta en Vigo presidiu o acto solemne de apertura do espazo público co que se rende homenaxe ao concelleiro de Ermua asasinado hai hoxe 25 anos pola banda terrorista ETA
“Hoxe loitamos contra o esquecemento do tempo que provocou que xeracións de mozos e mozas non coñezan quen foi Miguel Ángel Blanco”, sinalou a representante autonómica
O descubrimento dunha placa e da escultura “Acordo Xusto”, do artista Ramón Conde, cumpre coa denominación da praza aprobada pola Corporación Municipal a instancias do PP en xullo de 2017
Autoridades civís e militares, representantes da Corporación, da xudicatura, a cultura e a sociedade viguesa, participaron na inauguración celebrada co acompañamento musical dos alumnos do Conservatorio Superior de Música
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inaugurou este mércores a nova praza “Miguel Ángel Blanco” situada ao pé da Cidade da Xustiza nun solemne acto no que participaron autoridades civís e militares, así como representantes da Corporación Municipal, da xudicatura, a cultura e a sociedade viguesa.
O acto, que da cumprimento ao acordo plenario do Concello de Vigo de xullo de 2017, levouse a cabo coincidindo co 25 aniversario do secuestro e asasinato en Ermua do concelleiro do PP a mans da banda terrorista ETA. “Miguel Ángel Blanco é un símbolo de convivencia, un referente de todas as vítimas do terrorismo da súa inocencia e a súa dignidade, porque todas as vítimas do terrorismo merecen a nosa homenaxe, recoñecemento e solidariedade, son heroes da nosa democracia”, sinalou a representante autonómica durante o seu discurso.
No novo espazo público da cidade instalouse unha placa na que xa figura o nome do concelleiro asasinado e tamén descubriuse a escultura “Acordo Xusto”, do artista Ramón Conde, unha peza elaborada en bronce e de cinco metros de altura que representa dúas mans entrelazadas, que veñen reflectir a idea da xustiza universal e igualitaria.
“Contra o esquecemento”
Fernández-Tapias apuntou que o obxectivo principal do nomeamento é loitar contra o esquecemento de Miguel Ángel Blanco. “Hoxe loitamos contra o esquecemento do tempo que provocou que xeracións de mozos e mozas non coñezan quen foi Miguel Ángel Blanco e comprometémonos a seguir defendendo os seus principios”, sinalou a representante autonómica.
Na inauguración celebrada ao pé do novo edificio xudicial asistiron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña; os decanos dos xuíces e avogados, Germán Serrano e Lourdes Carballo, así como a fiscal xefe, Susana García Baquero; o bispo, Luis Quinteiro; o comisario xefe, Ramiro Gómez, e o comandante naval, Antonio Couce, ademais de concelleiros e representantes da cultura e da sociedade viguesa.
O arquitecto Alfonso Penela, autor da reforma do edificio xudicial, tamén dirixiu unhas palabras aos asistentes, mentres que os alumnos do Conservatorio Superior de Música foron os encargados de acompañar o acto coa interpretación de dúas pezas cun quinteto de metais.
“O exemplo de Miguel Ángel, o ensino daqueles días de xullo e o compromiso coa memoria de todas as vítimas do terrorismo deben ser nosa guía mentres o lembremos. Miguel Angel estará connosco, estará desde hoxe no corazón de Vigo, estará nos piares da Xustiza e a Democracia”, concluíu a delegada territorial da Xunta.


