FERNÁNDEZ-TAPIAS FELICITA Á ASOCIACIÓN RETÓRICA UVIGO POLA ORGANIZACIÓN DO I TORNEO NACIONAL DE DEBATE

A delegada da Xunta en Vigo presentou este mércores o campionato que acollerá a Universidade de Vigo esta fin de semana

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este mércores na presentación do I Torneo Nacional de Debate UVigo, organizado pola Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo e no que participan equipos de diferentes universidades españolas. A cita desenvolverase entre os días 25 e 27 de novembro.

A representante autonómica destacou durante o acto a importancia da oratoria en moitos campos profesionais. “É unha parte fundamental da vosa formación e vaivos a servir moi pronto no desempeño das vosas profesións”, sinalou durante a presentación na que estivo acompañada polo presidente da Asociación de Debate Retórica da Uvigo, Santiago Janeiro, e pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini.

Un total de dez equipos de sete universidades (Vigo, Santiago, A Coruña, Baleares, CEU Barcelona, Xaén e Cunef Madrid) disputarán por primeira vez o torneo na cidade e o gañador logrará o seu pase a fase final da Liga España de Debate Universitario 2023.

Os organizadores explicaron que se trata dun torneo de debate académico no que os diferentes equipos debaterán sobre unha única pregunta que coñecen con anterioridade: “A transición á enerxía verde garantirá a autosuficiencia enerxética da Unión Europea?”.

O Edificio Redeiras do Berbés, lugar no que se celebrou a presentación, e a Escola de Enxeñería Industrial de Torrecedeira acollerán o torneo. O venres e sábado debaterase no Edificio Redeiras, alí realizaranse todas as roldas de fase de grupos, os cuartos de final e as semifinais. Posteriormente o día 27 a final do torneo e o acto de clausura levaranse a cabo no salón de actos de Enxeñería Industrial.