FERNÁNDEZ-TAPIAS ENTREGA OS PREMIOS AOS COMERCIOS VIGUESES GAÑADORES DO PRIMEIRO CONCURSO DE NADAL DE ESCAPARATISMO
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este domingo na gala da campaña “Ilumina o teu escaparate” organizada polas asociacións de comerciantes
Os establecementos “La vendimia”, “Woodtown” e “Papavero” resultaron gañadores da primeira edición da iniciativa impulsada polo Goberno galego
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este domingo na gala de entrega de premios da campaña “Ilumina o teu escaparate” que organizaron as asociacións de comerciantes para activar o consumo nos pequenos establecementos das diferentes zonas da cidade durante o Nadal.
No concurso participaron preto de medio centenar de comercios das zonas do Calvario, Príncipe, Navia, As Travesas, Vigo Vello, Zona Náutico, Teis, Pereiró, Xeral e Torrecedeira. O concurso comezou o 1 de decembro e rematou o día 20.
Os gañadores foron “La vendimia”, que recibiu un premio en metálico de 400 euros como mellor escaparate; “Woodtown”, que logrou o segundo galardón (250 euros), e “Papavero”, o terceiro (150 euros). Ademais, entre todos os participantes sorteouse unha fin de semana nunha casa rural e unha tutoría dun profesional do escaparatismo.
“Creo que este tipo de accións son moi importantes para dinamizar o comercio e nada mellor que difundir e dar a coñecer as tendas e escaparates de Vigo a través dun concurso que tamén alcanzou todas as redes sociais”, sinalou a representante autonómica durante a gala celebrada na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.