FERNÁNDEZ-TAPIAS ENTREGA O XX PREMIO DE POESÍA AFUNDACIÓN A LEDICIA COSTAS: “É UN PRIVILEXIO GOZAR DE CADA LIBRO DESTA INMENSA ESCRITORA VIGUESA”
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este martes na gala do premio, convocado por Afundación e a Obra Social de Abanca, co patrocinio do Goberno galego e a colaboración do Centro PEN de Galicia
“Vigo é unha cidade plural, que ten moitas voces, non unha soa voz, e por fortuna temos a escritoras como Ledicia Costas que plasman tamén a súa visión da cidade”, destacou a representante autonómica
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou este martes á escritora viguesa Ledica Costas o galardón do XX Premio de Poesía Afundación nun acto celebrado na sede da entidade social na cidade olívica. A representante autonómica destacou a figura da autora polas súas achegas á creación literaria galega e salientou a súa visión de Vigo.
“A poesía está moi presente na obra de Ledicia Costas. Hai poesía nos seus libros infantís e xuvenís, nas rúas sinistras do inframundo, na viaxe do neno de lume cara ao seu destino ou na illa onde viven as mulleres planta. Hai poesía nos seus libros para adultos, na esgazadora néboa de Merlo en Infamia ou na delirante incontinencia verbal da protagonista de Golpes de Luz”, indicou.
Fernández-Tapias tamén asegurou que “é un privilexio poder gozar de cada novo libro desta inmensa escritora da nosa cidade e duns versos tan marabillosos como os de Ultraluz”. Ademáis, apuntou que “Vigo é unha cidade plural, que ten moitas voces, non unha soa voz, e por fortuna temos a escritoras como Ledicia Costas que plasman tamén a súa visión da cidade”.
No acto celebrado na Sede Afundación de Vigo, Marta Fernández-Tapias Núñez estivo acompañada polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; por Luis González Tosar, presidente do Centro PEN Galicia e do xurado; e por Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación.
Numerosos galardóns
Ledicia Costas, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación, suma este recoñecemento aos seus numerosos galardóns como o Premio Merlín de literatura infantil, en dúas ocasións; o Premio Lazarillo de creación literaria, devindo na primeira autora que o acada tres veces; o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil; ou o Premio da Cultura de Galicia de Creación Literaria.
O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6.000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez ou Medos Romero, gañadora da anterior convocatoria.
Apoio da Xunta
O premio, que celebra a súa vixésima edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.