FERNÁNDEZ-TAPIAS ENTREGA AOS VIGUESES AS ONCE BANDEIRAS AZUIS CONCEDIDAS ÁS SÚAS PRAIAS
A delegada territorial da Xunta en Vigo achegouse ata a Praza do Rei cos distintivos despois de que ningún representante municipal acudira o mércores ao acto en Marín
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu este xoves á Casa do Concello para facer entrega oficial aos vigueses das once bandeiras azuis coas que foron galardoadas este ano ás praias do municipio. A representante autonómica achegouse ata a Praza do Rei para entregar os distintivos correspondentes aos areais de Vigo.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo chegar os galardóns á Delegación da Xunta en Vigo despois de que ningún representante municipal acudira o pasado mércores ao acto celebrado en Marín, no que se fixo entrega das 112 bandeiras obtidas por Galicia.