Fernández-Tapias e Ramón Conde presentan “Acordo Xusto”, a obra do escultor que coroará a praza pública da Cidade da Xustiza

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o artista mostran unha recreación do tótem que deberá estar finalizado antes de que rematen as obras da infraestrutura xudicial
A Xunta inviste 42 millóns de euros neste edificio de 44.000 metros cadrados para unificar os órganos xudiciais da cidade e acoller 38 unidades 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo arquitecto da Cidade da Xustiza, Alfonso Penela, e o artista galego Ramón Conde, presentaron hoxe “Acordo Xusto” a obra do escultor que coroará a praza pública da nova infraestrutura xudicial na cidade.

A proposta, tal e como detallou a delegada autonómica, representa dúas mans entrelazas que veñen a reflectir a idea da xustiza universal e igualitaria. A súa verticalidade xoga, sinalou Fernández-Tapias, coa idea do que é o dereito, “do que entendemos cando algo é xusto e satisfai a ambas partes en conflito”. “Dous individuos distintos pero vistos iguais dende o punto de vista da xustiza”, indicou.

En canto ás dimensións, a escultura elaborada en bronce ocupará unha altura de aproximadamente 5 metros e terá que estar finalizada nun prazo de 7 meses. O seu custe ascende a 132.000 euros.

Preguntada ao respecto do avance das obras da Cidade da Xustiza, a representante do Goberno galego explicou que os traballos estanse a executar segundo o previsto para acoller a obra xudicial máis importante da historia da Comunidade na que a Xunta investiu 42 millóns de euros.

Supón case o 40% dos 115 millóns de euros do Plan de Infraestruturas Xudiciais, posto en marcha polo Goberno galego para levar a cabo actuacións necesarias nas sedes xudiciais galegas para modernizar e unificar os servizos xudiciais en Galicia co obxectivo de mellorar as instalacións existentes e prever ás necesidades estruturais da planta xudicial galega.

Así, no caso da Cidade da Xustiza, disporase de 44.000 metros cadrados para acoller 38 unidades xudiciais. Unha vez rematadas as obras tamén este órganos xudiciais trasladaranse ao longo deste ano a este edificio, xunto coas 2 seccións da Audiencia Provincial, a Fiscalía da área e a subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).

En canto ao persoal, as novas dependencias acollerán a algo máis de 500 traballadores da Administración da Xustiza, que ademais contarán cunha gardería de 41 prazas para facilitar a conciliación laboral e familiar.