FERNÁNDEZ-TAPIAS E LETE LASA DESTACAN A ALTA PARTICIPACIÓN NA CELEBRACIÓN DO PROGRAMA XOGADE EN VIGO
A delegada territorial da Xunta e o secretario xeral para o Deporte participaron na entrega de premios
Un total de 1.011 nenas e nenos participaron no Campionato Provincial de Campo a Través no parque de Castrelos
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiron este domingo á celebración do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) que reuniu no parque vigués de Castrelos toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.
Un total de 1.011 nenas e nenos de 97 entidades, nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, participaron no Campionato Provincial de Campo a Través. Esta xornada de deporte escolar estivo encadrada dentro das actividades do Programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte. O Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra foi o organizador desta actividade xunto coa Agrupación Deportiva Xoga DXT Escolar de Vigo e coa colaboración da Brilat de Pontevedra.
Os representantes autonómicos destacaron que na presente tempada contabilízanse en toda Galicia un total de 33.582 nenos e nenas inscritos na actividade escolar de campo a través, unha das máis populares do Xogade, e que representa un incremento de preto do 100% con respecto a pasada tempada 2021/2022 (17.557).
Apoio da Xunta
Fernández-Tapias lembrou que a Xunta de Galicia financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias. “Queda probado hoxe con esta alta participación de escolares o gran traballo que se fai desde centros educativos, clubs e outros colectivos, que contarán sempre co apoio do Goberno galego”, sinalou. Na presente tempada, a prima anual media será de 2,16 millóns de euros, un 21,5% máis que a prima media anual de 2022, grazas ao contrato asinado de 4,3 millóns de euros ata 2024.
Pola súa banda, Lete Lasa salientou a importancia do deporte nas idades máis temperás por ser “hábitos que permanecerán na vida dos máis pequenos ata as idades máis avanzadas” e que permiten que, “pouco a pouco, consigamos esa Galicia activa e saudable que todos queremos e que afasta as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física”.
A edición da tempada pasada 2021/2022 rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades de Xogade grazas a participación de máis de 120.000 rapaces e rapazas de toda Galicia, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando, e mesmo superando, as cifras de participación pre pandemia, que se situaban en 128.000 nenos e nenas. A duplicación dos inscritos na actividade escolar de campo a través na tempada actual é a maior mostra de esta tendencia.