Fernández-Tapias e a Editorial Elvira presentan a escolma de relatos que compoñen «Historias do Camiño»
Con limiar do xornalista Jacobo Buceta, a publicación editada no marco do programa de “O Teu Xacobeo” consta de 12 relatos encabezados pola obra gañadora Os fillos pequenos
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe xunto á editorial Elvira o libro titulado “Historias do Camiño”, resultado do concurso de relatos impulsado no marco do programa de “O Teu Xacobeo”, que encabeza a obra gañadora Os fillos pequenos da escritora María Jesús González Rodríguez.
O acto celebrado na Delegación Territorial, ao que asistiu unha ampla representación dos autores da publicación, estivo dirixido polo xornalista e autor do limiar Jacobo Buceta xunto con Javier Romero, responsable da editorial Elvira.
Historias do Camiño componse de 12 relatos, número que se decidiu pensando nos apóstolos. Un proxecto que, tal e como sinalou Marta Fernández-Tapias, destaca polo intercambio de experiencias no Camiño de Santiago así como polo patrimonio humano.
Unha proposta que contou cunha achega do Executivo autonómico de 21.250 euros e da que a representante autonómica acentuou a orixinalidade da súa temática e a oportunidade que supuxo para “o noso talento emerxente”.
Neste contexto, Fernández-Tapias subliñou o éxito do programa de “O Teu Xacobeo”, que tal e como expuxo “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo bianual no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.