FERNÁNDEZ-TAPIAS DESVELA O CARTEL MUSICAL DO MARISQUIÑO CON 30 GRUPOS LOCAIS E EMERXENTES EN SAMIL E NO PEIRAO DE TRANSATLÁNTICOS

A delegada territorial de Xunta en Vigo avanzou as actuacións que se celebrarán durante o festival de deporte urbano entre os vindeiros 12 e 14 de agosto
“O fomento da cultural local é unha das nosas prioridades polo que tamén foi un dos piares do acordo entre o Xacobeo e O Marisquiño”, sinalou
A achega do Goberno galego alcanza este ano os 300.000 euros, o que supón un incremento do 50% respecto ao 2021, co obxectivo de superar a afluencia de 2019

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este luns a programación musical incluída no acordo entre o Xacobeo 21-22 e o festival O Marisquiño que se celebrará entre os vindeiros 11 e 14 de agosto. O anunciou do cartel levouse a cabo nos xardíns do Real Club Náutico de Vigo, moi preto do lugar no que serán os concertos, e contou coa actuación en directo do DJ vigués Viktor Flores.

A representante autonómica desvelou os nomes dos 30 grupos que actuarán durante tres días nos dous escenarios reservados polos organizadores. Por un lado, o peirao de Transatlánticos (zona Sunset) e, por outro, Samil (zonz Oasis). Nas dúas áreas musicais haberá música de forma continúa con un chill out.

“Un dos piares nos que se basea este acordo é o fomento do cultural local, polo que serán 30 grupos vigueses e do resto de Galicia, xa que desde a Xunta tamén queremos dar apoio á cultura e aos mozos vigueses”, sinalou Fernández-Tapias. A achega do Goberno galego alcanza este ano os 300.000 euros, o que supón un incremento do 50% respecto ao 2021, co obxectivo de superar os datos de afluencia de 2019.

Oasis Samil

A delegada avanzou que a música, con estilos que van desde os ritmos urbanos como o hip-hop ao trap á electrónica, soará desde o venres ao domingo durante doce horas seguidas en ambos lugares, desde as 13:00 horas ata as 01:00 horas. No escenario Oasis Samil serán Phonotoner, Meteoro, Cactus, Elecesar, Iaghost, Iamneke, Bflecha, Russ, Morte Morrida, FonKid, La Shawty, Soren Manzoni, Babykatze, La Eterna y Eternal Entropy.

Sunset Transatlánticos

Pola súa banda, no peirao de Transatlánticos estarán Supernatural TBC, Rapariga DJ, Baron Ashler, Royce Rolo, Henry Guitarra, MC, Confraría Chalana, Baby Pantera, Youcanthide, Pedraxe, Dirty Suc, Boyanka Kostova, Pup Puppy, Adios Adios, Juicy Bae, Mwëslee, Yugen Kala e Toccoror.

“A maior parte dos artistas son locais e galegos aínda que algúns deles xa se fixeron un nome tamén na escena internacional. Ademais, destaca tamén a notable presenza de artistas femininas”, destacou durante a presentación.

Dirt Jump

Fernández-Tapias lembrou durante o acto de presentación que grazas ao acordo coa Xunta tamén disputarase o Dirt Jump e Vigo contará de novo cos espectaculares voos dos riders.

Serán un total de 35 participantes os que cheguen a Vigo para unha das únicas catro probas de máxima categoría (Gold) que se disputan no mundo: dous en Canadá (Vernon e Kelowna, montañas próximas a Vancouver), unha en Alemaña (Frankfurt) e a de Vigo. Os 20 primeiros clasificados da clasificación mundial teñen a súa praza asegurada e hai outras 15 invitacións que decide a FMB World Tour.

Break Dance

A delegada tamén apuntou que no acordo do Xacobeo 21-22 e O Marisquiño inclúese a proba de Break Dance, considerada como a competición desta especialidade de maior proxección en España. Un total de 150 participantes estarán en Vigo e disputarase na zona do Nadador, contando por primeira vez cunha segunda bancada para albergar á alta demanda de espectadores que sempre ten.

“O obxectivo este ano é superar os 160.000 espectadores que se achegaron a Vigo en 2019, antes da pandemia, pero este verano, con Galicia de moda, estamos seguros de que poderemos superar esa cifra”, concluíu.