FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA QUE O “CAP DE BARBARIA” SITÚA AO NAVAL VIGUÉS Á VANGARDA E PREPARADO PARA AFRONTAR OS RETOS FUTUROS DESTA INDUSTRIA

A delegada territorial da Xunta asistiu hoxe á botadura do primeiro ferri eléctrico construído en España que será destinado a dar cobertura á liña Ibiza-Formentera
Destacou a unidade do naval como a mellor garantía para concorrer aos fondos do Perte do sector e avogou por promover proxectos que aposten “pola tecnoloxía, a sostibilidade e o traballo conxunto”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu este mércores á botadura do primeiro ferri eléctrico construído en España, en alianza entre o Grupo Armón e Balearia, e que será destinado a dar cobertura á liña Ibiza-Formentera.

Durante a súa intervención no acto celebrado na sede viguesa do construtor naval, a representante autonómica destacou que o “CAP de Barbaria” sitúa ao sector vigués “á vangarda e preparado para afrontar os retos futuros desta industria”. Uns retos que, dixo, pasan indiscutiblemente porque Vigo e, por extensión Galicia, saían beneficiados no reparto dos fondos europeos.

Convidou así a seguir o exemplo de Armón e Balearia, cunha unión que converte ao sector naval galego en pioneiro ao asumir un proxecto destas características, e a traballar conxuntamente na presentación de proxectos de éxito, “que garantan para a Comunidade un reparto de fondos acorde ao peso dun sector que é determinante para Galicia”.

Tras destacar a unidade demostrada polo naval desde Galicia como a mellor garantía para concorrer aos fondos do Perte do sector, Fernández-Tapias avogou por aproveitar unha “oportunidade única” e promover proxectos que aposten “pola tecnoloxía, a sostibilidade e o traballo conxunto”.  “O noso desexo é que, polos argumentos que hoxe falan por si mesmos, Vigo e Galicia sexan beneficiadas no reparto”, anotou.

Para rematar, a delegada territorial agradeceu a Balearia a súa confianza “no talento e saber da industria naval viguesa” e a Armón “por liderar en toda España a transformación sostible deste sector”.  Un sector que afronta grandes retos, entre os que citou avanzar na redución de emisións, incorporar sistemas de combustión alternativos como o hidróxeno verde, desenvolver sistemas de navegación intelixente e autónoma e potenciar a modernización tecnolóxica dos materiais.