Fernández-Tapias destaca os obradoiros de emprego como unha das iniciativas mellor valoradas polos Concellos e anima aos participantes a seguir formándose

A representante autonómica clausurou hoxe o Vigo Capacita VI, no que se formaron 20 desempregados en servizo de cociña e restauración durante os últimos 9 meses
A Consellería de Emprego e Igualdade dará continuidade á iniciativa noutra edición que comezará en outubro, con preto de 3 millóns de euros 9 obradoiros duais de emprego en 11 concellos da comarca, que suporán a contratación de 172 persoas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou hoxe obradoiro de emprego dual Vigo Capacita VI, que este ano formou a 20 persoas en servizo de cociña e restauración.

Neste contexto, a representante autonómica felicitou aos profesores e alumnos polo traballo feito e acentuou a aposta clara da Consellería de Emprego por mellorar a súa cualificación de cara a incrementar a empregabilidade. Así, animou ao alumnado, tras nove meses de formación, a aproveitar a oportunidade laboral que se lles está a brindar.

Fernández-Tapias destacou así a tripla dimensión desta iniciativa, que fixa como obxectivo incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas:  mellorando a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolvendo actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

Con estas iniciativas, dixo, “gañan todos; os participantes e as empresas da contorna”, sinalou, para destacar que “por algo son un dos programas mellor valorados entre os concellos”.

Así, referiuse a nova convocatoria que arrancará o vindeiro mes de outubro e que permitirá a realización de nove obradoiros duais de emprego en 11 concellos da área territorial de Vigo. Estes obradoiros, aos que a Xunta de Galicia destina este ano preto de 3 millóns de euros, permitirán que un total de 172 persoas desempregadas da comarca viguesa se formen nun oficio.

Deste xeito, as persoas desempregadas que participen nestes programas, que  desenvolven co financiamento autonómico os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Segundo indicou Fernández-Tapias, cada un deles ofrece formación e emprego a 20 persoas, que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e, ao finalizar etapa formativa, poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade. Ademais, tres dos nove obradoiros ofrecen incentivos á contratación en empresas da zona por un mínimo de 3 meses, o que axudará á inserción laboral de 42 persoas na comarca viguesa tras finalizar a súa etapa formativa.

En concreto, segundo detallou, Gondomar promoverá xunto a Baiona e Nigrán a iniciativa Coidando Miñor; Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño compartirán o taller Sustentable; Cangas porá en marcha Granxa da Rúa; Moaña impulsará o Labora V; Redondela a segunda edición do Redondela Máis que Bela; O Porriño desenvolverá o obradoiro Porriño Labora;  o Concello de Vigo contará cunha nova convocatoria do Vigo Capacita; Mos terá o taller Somos Mos; e a Mancomunidade de Vigo un obradoiro forestal nos montes vigueses.

Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco talleres anunciados o pasado mes de xuño para formar a 80 mozos e mozas menores de 30 anos nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor, aos que o Executivo autonómico destina 1,8 millóns de euros na área territorial.  Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.