FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O TRABALLO EN EQUIPO DO ALUMNADO DO IES VALADARES NA ENTREGA DO PREMIO “COOPERATIVISMO NO ENSINO 22”
A delegada territorial da Xunta entregou o accésit acadado polo centro escolar vigués no certame da Xunta gracias ao proxecto ‘Lugh: Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil do Sobreiral de Valadares’
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, entregou este xoves ao alumnado de 4º da ESO do IES Valadares o accésit do concurso “Cooperativismo no Ensino 22” que convocou a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a través da Secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.
Nun acto celebrado nas centro educativo vigués, a representante autonómica felicitou aos alumnos que acadaron o galardón polo seu proxecto ‘Lugh: Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil do Sobreiral de Valadares’. “Este proxecto pon en valor o traballo en equipo de todos para destacar o cooperativismo na sociedade actual e a necesidade de levar a cabo unha labor conxunta para a mellora da calidade de vida”, sinalou.
O certame “Cooperativismo no ensino” quere difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
O IES Valadares de Vigo foi o primeiro en recibir o premio. O alumnado puido desfrutar da actuación de Aldaolado. María Lado e Lucía Aldao presentaron un espectáculo poético e musical pensado especificamente para este certame baixo o título de ‘Mutua de poetas’.
O instituto vigués non foi o único centro da provincia galardoado este ano. O CEIP de Laredo en Redondela recibirá o vindeiro luns 13 de xuño o accesit na categoría para crianzas de 1º e 2º de educación primaria; ao Centro de Educación Especial ACEESCA no Porriño entregaráselle o martes 14 o premio na modalidade de actividades cooperativizadas e o Colexio de Domaio, en Moaña, recibirá o venres 17 de xuño os catro recoñecementos dos que é merecedor, dous primeiros premios e dous accésits.