FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O PROXECTO INNOVADOR DOS ALUMNOS VIGUESES QUE REPRESENTARÁN A ESPAÑA NA FINAL DA FIRST LEGO LEAGUE EN AUSTRALIA

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou este martes o Colexio Montescatelo para coñecer ao equipo que viaxará a Sidney
Acadaron en Cartaxena o principal premio de Innovación polo proxecto Energy Step, consistente en baldosas intelixentes para producir electricidade coa pisada
“Son un exemplo do talento da mocidade viguesa e do éxito da incorporación das materias STEM á estratexia educativa”, sinalou

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este martes aos alumnos do Colexio Montescatelo que se proclamaron campións da First Lego League o pasado mes de marzo e que representará a España na final da competición internacional que se disputará o vindeiro mes de xuño en Australia.

“Estamos ante o mellor exemplo do talento da mocidade viguesa e do éxito da incorporación das materias STEM á nova estratexia educativa para achegar materias tan relevantes como as ciencias,  a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas”, sinalou a representante autonómica tras manter un encontro co equipo que logrou vencer na fase final disputada en Cartaxena.

O equipo do colexio bilingüe Montecastelo en Vigo xa recibira o Primeiro Premio na categoría Challenge o pasado mes de marzo en Burgos. Competiu naquela proba con máis de 250 estudantes, provenientes de 35 centros educativos de Castela e León, A Rioxa, Navarra e Galicia. Os alumnos prepararon o proxecto e deseñaron o robot asesorados polo seu titor, o profesor de tecnoloxía Bernardo Longa.

Xa na final, celebrada na Universidade de Cartaxena o 25 de marzo, o equipo coronouse como gañador do Primeiro Premio ao Proxecto de Innovación. A Fundación Integra outorgou o premio ao equipo polo seu proxecto innovador, Energy Step, que consiste en baldosas intelixentes adaptables a calquera tipo de chan para producir electricidade coa pisada.