FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O PRESTIXIO INTERNACIONAL DOS ARTISTAS QUE CHEGAN A VIGO CO CICLO XACOBEO IMPORTA

O americano Pat Metheny abrirá o vindeiro venres, día 17 de xuño, no Auditorio Mar de Vigo a undécima edición do ciclo de concertos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou o prestixio internacional dos catro artistas que chegarán nos meses de xuño e xullo á cidade para actuar no XI Ciclo Xacobeo Importa. “Estamos ante un dos grandes eventos musicais do verán en Vigo, con autores moi recoñecidos na escena mundial, e nos vindeiros días anunciaremos novas actuacións que tamén contan co apoio da Xunta a través do Xacobeo 21-22 ”, sinalou a representante autonómica.

Dentro do Ciclo Xacobeo Importa, Vigo acollerá catro concertos de artistas internacionais durante os próximos meses. O primeiro deles é o da lenda viva do jazz Pat Metheny, que actuará o 17 de xuño no Auditorio Mar de Vigo. Unha cita que chega 24 anos despois do seu lendario concerto en Vigo de 1998, nomeado en numerosas ocasións na lista dos máis míticos entre os que se celebraron na cidade.

Marisa Monte, a raíña da música brasileira, estará tamén o 26 de xuño no Teatro Afundación de Vigo. A programación do Ciclo Xacobeo Importa na cidade olívica complétase cos concertos da danesa Agnes Obel o 7 de xullo en Afundación e da estrela mundial do soul Leon Bridges que chegará ao Auditorio Mar de Vigo o 10 de xullo, ambos por primeira vez en Galicia.

A venta de entradas para Pat Metheny marcha a moi bo ritmo, segundo explicou Isabel Insúa, da promotora Sweet Nocturna, e no caso de Marisa Monte os tickets están xa a punto de esgotarse.

Con motivo da celebración do Ano Xacobeo 2022, e do mesmo xeito que se fixo na edición de 2010, o Galicia Importa transfórmase no Ciclo Xacobeo Importa. O ciclo confórmase con  concertos de artistas de renome internacional, todos eles con datas exclusivas en Galicia e en moitos casos sendo a súa primeira actuación na nosa comunidade.
Muse, C.Tangana, Festival Latitudes…

Ademais do Ciclo Xacobeo Importa, a Xunta xa confirmou outras actuacións na cidade. Así, o trío británico Muse estará o 8 de setembro no Estadio de Balaídos para ofrecer unha das tres datas que ten reservadas en España.

Co patrocinio do Xacobeo tamén estarán en Vigo C. Tangana (23 de agosto no Porto de Vigo) e Rufus Wainwright (2 de xullo en Afundación). Ademais, haberá outro ciclo (Xacobeo Vigo) e dous festivais (Latitudes e Música Urbana) para conformar unha oferta que chegará ata os vinte concertos na cidade.

No que respecta á area metropolitana, o Xacobeo 21-22 levará actuacións a Mos (Morat e Tanxugueiras), O Porriño (Taburete), Redondela (M-Clan), Tui (Xoel López), A Guarda (Beret), Soutomaior (Dani Fernández), Cangas (Roi Casal), Baiona (Andrés Suárez) e Oia (Tanxugueiras).