FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O KITEFEST CESANTES COMO UN “ESPECTÁCULO ÚNICO” QUE CONVERTE A RÍA DE VIGO EN CAPITAL NÁUTICA

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou este mércores na presentación do acordo de colaboración para unha nova edición da proba na enseada de San Simón

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá xunto ao presidente do TMKite Club, Ricardo González, e o rider Justo Fernández Buena Voena na presentación do acordo de colaboración para a quinta edición do KiteFest de Cesantes que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de xullo. A representante autonómica gabou o evento deportivo como “un espectáculo único que mostra Redondela e a praia de Cesantes ou a illa de San Simón, convertendo a ría de Vigo na capital do kitesurf”.

Fernández-Tapias explicou que ademais das actividades destinadas exclusivamente aos participantes, o KiteFest contará cun villageaberto ao público con zona de descanso, foodtrucks, taller de cometas para nenos, música e cea para participantes e convidados entre outras opcións. O village, situado a pé de praia e fronte á zona destinada para as carpas das marcas colaboradoras, converterase cada día no punto de reunión de riders e público antes e despois da competición.

Igualmente, destacou que o KiteFest xa está consolidado como un dos eventos máis importantes de kite en España e o máis multitudinario da zona norte da península, polo que o obxectivo da organización para o 2022 será seguir crecendo como evento e situar Cesantes e Galicia como referente no mapa nacional deste deporte.

As probas de regata, big Jump e freestyle volverán ser protagonistas do evento, á vez que se tratará de manter a oferta de actividades na praia para todos aqueles que desexen achegarse a gozar do KiteFest.

A responsable da Xunta sinalou o rotundo éxito do KiteFest en anteriores edicións. “Agardamos uns 100 participantes que veñen de Portugal, Italia e España e serán na súa maioría galegos”, indicou. Ademais, Cesantes acollerá a unhas 2.000 persoas para desfrutar “do noso deporte, da nosa natureza, do noso turismo e da nosa gastronomía”.