FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O IMPULSO DO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA E A SÚA INFLUENCIA COMO RECURSO TURÍSTICO, CULTURAL E PATRIMONIAL PARA VIGO
A delegada da Xunta en Vigo participou este martes na presentación dos resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”
“O turismo na Eurorrexión viuse beneficiado por esta conexión histórica, social e cultural que dá sentido ao fenómeno xacobeo e á unión dos pobos”, sinalou
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na presentación os resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”. No acto celebrado no Museo do Mar de Galicia, a representante autonómica destacou o impulso do Camiño Portugués da Costa o pasado ano e “a influencia que tivo como recurso turístico, cultural e patrimonial” para Vigo e toda a súa área metropolitana.
“O turismo na Eurorrexión viuse beneficiado por esta conexión histórica, social e cultural, por estes valores que dan sentido ao fenómeno xacobeo e á unión dos pobos”, sinalou Fernández-Tapias durante a súa intervención. A delegada estivo acompañada pola directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; polo vicepresidente de Turismo Porto e Norte do Portugal, Inácio Ribeiro, e pola directora de Cultura do Norte de Portugal, Laura Castro.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal (GNP, AECT) reuniu no Museo do Mar, en pleno Camiño Portugués da Costa, a un centenar de especialistas, estudosos e persoas vinculadas cos Camiños de Santiago portugueses de peregrinación a Compostela para presentar os resultados do proxecto de cooperación transfronteiriza “Facendo Caminho”.
O proxecto foi desenvolvido conxuntamente pola GNP, AECT, a Axencia de Turismo de Galicia, Turismo do Porto e do Norte de Portugal e a Direção Regional de Cultura do Norte, para consolidar os Camiños Portugueses na nosa Eurorrexión e impulsar o seu aproveitamento sostible como recurso patrimonial, cultural, natural e económico. “Facendo Caminho” desenvolveuse dentro do programa Interreg VA – Poctep e cun custo total de 657.499,57 €, dos que 493.124,68 € proveñen dos fondos FEDER.