A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe a Asociación DOA Saúde Mental de Vigo, beneficiaria das axudas dos programas para atención de persoas con trastornos no ano 2021
FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA O IMPORTANTE INCREMENTO DE RECURSOS DIRIXIDOS Á MELLORA DA ATENCIÓN A SAÚDE MENTAL
A representante autonómica recorda que a nova convocatoria do Goberno galego está aberta con achegas de máis de 840.000 euros para este tipo de entidades
Lembra que no marco do Plan de Saúde Mental a Xunta de Galicia puxo en marcha no Nicolás Peña de Vigo o primeiro dos sete hospitais de día infanto-xuvenís
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este luns as instalacións da Asociación Doa Saúde Mental de Vigo onde puido coñecer a actividade que se leva a cabo gracias aos programas do Goberno galego en materia sociosanitaria.
“A Xunta está absolutamente implicada na busca de solucións para un problema que afecta a nosa sociedade como son os problemas mentais, especialmente en idades temperás, e a Asociación DOA é o mellor exemplo”, sinalou Fernández-Tapias.
A entidade dispón dun total de 10 prazas e realizaron máis de 3.000 intervencións nos dous últimos anos. A través do concerto que ten DOA coa Consellería de Sanidade reciben anualmente preto de 500.000 euros.
Neste marco lembrou que o Goberno galego xa ten aberta a segunda convocatoria con achegas de máis de 840.000 euros para este tipo de entidades, que remata este 12 de maio. Tal e como informou, a Xunta de Galicia adianta en tres meses a convocatoria respecto da do ano pasado, para facilitar a execución dos fondos por parte das entidades. Ademais, anticipará as entidades beneficiarias o 100% da subvención no momento da notificación da concesión, sendo a xustificación posterior a realización das actividades.
O investimento nesta convocatoria de axudas forma parte do orzamento de 83 millóns de euros do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, cuxo obxectivo principal é realizar accións que melloren a asistencia dos trastornos mentais, así como diminuír o impacto destas doenzas, tanto nas persoas que as sofren, como nos seus achegados.
Desde o pasado mes de setembro de 2021, o Nicolás Peña de Vigo converteuse no primeiro dos sete hospitais de día infanto-xuvenís contemplando en dito Plan de Saúde Mental. “Coa posta en marcha desta dotación sanitaria reforzamos o desenvolvemento desta estratexia e cumprimos o compromiso da Xunta na mellora da atención a saúde mental”, apuntou Fernández-Tapias. Tamén recordou que a área sanitaria de Vigo conta con dous novas unidades ambulatorias, unha de adultos no Centro de Saúde de Tui, e outra infanto-xuvenil no Cunqueiro.

