Fernández-Tapias destaca o éxito da segunda convocatoria don bono turístico con 63 establecementos adheridos da área de Vigo
A delegada territorial da Xunta acentuou o éxito desta iniciativa entre a cidadanía, que esgotou as tarxetas nas primeiras horas tras abrir o prazo de solicitude
Entende que no actual contexto de crise sanitaria é imprescindible sumar esforzos por parte das administracións, polo que criticou a falta de implicación da Deputación de Pontevedra nunha iniciativa que recibe o apoio doutras institucións
Recorda que os establecementos interesados poden xa adherirse á campaña do bono activa comercio; 10 M€ que se repartirán en bonos desconto de 30 euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe o éxito da segunda convocatoria do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia, unha iniciativa coa que o Executivo galego busca dotar de liquidez ao sector e fomentar o turismo interno e á que xa se adheriron un total de 63 establecementos na área de Vigo.
Así o explicou a representante autonómica nunha visita ao Gran Nagari Boutique Hotel, na cidade de Vigo, unha das preto de 900 empresas de toda Galicia que xa se uniron a esta campaña e das que 261 corresponden a provincia de Pontevedra.
Segundo apuntou Fernández-Tapias, “trátase dunha medida necesaria no contexto actual, onde os efectos da pandemia en sectores como o turismo están a ter un enorme impacto e requiren da reacción inmediata das diferentes administracións, así como de medidas de acompañamento”. Entende que no actual contexto de crise sanitaria é imprescindible sumar esforzos por parte das administracións, polo que se mostrou muy crítica coa falta de implicación da Deputación de Pontevedra nunha iniciativa que suma o apoio doutras institucións provinciais como as de Ourense e A Coruña que xa confirmaron as súas achegas.
A delegada territorial non desaproveitou a oportunidade de subliñar a boa acollida desta iniciativa entre a cidadanía, que esgotou as tarxetas en poucas horas tras abrir o prazo de solicitude, así como a boa resposta dos negocios do ramo.
En canto aos establecementos da área que xa se inscribiron, figuran hoteis, paradores, balnearios, cámpings, aloxamentos de turismo rural, vivendas turísticas, apartamentos ou pensións e axencias de viaxes, repartidos por toda a comarca viguesa.
Con respecto á súa distribución, 32 son de Vigo; 12 de Cangas; 7 de Nigrán; 5 de Baiona; 2 de O Porriño e outros tantos de Redondela; e os concellos de Mos, Soutomaior e Moaña suman 3 máis á listaxe. Con todo, Fernández-Tapias lembrou que as firmas interesadas poden seguir solicitando a súa participación ata o remate do programa, a finais de ano.
Esta segunda convocatoria, que permitirá mobilizar máis de 6,8 millóns de euros co obxectivo de reactivar o consumo interno, está dirixida a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego e que non foran beneficiados na convocatoria de 2020. A Xunta asume o 60% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 40%. Hai tres tipos de bonos: un de 250 euros -150€ abonados pola Xunta e 100€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -225€ abonados pola Xunta e 150€ polos particulares; e o terceiro de 500 euros -300€ pola Xunta e 200 polos particulares-.
Terrazas
Por outra banda, a delegada cifrou en preto de 900.000 euros (115 establecementos) as axudas resoltas ata o de agora na área de Vigo para a instalación, reforma e adaptación das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración e adquisición de elementos de envasado e empaquetado para o servizo de consumo a domicilio.
Fernández-Tapias, quen matizou que aínda quedan solicitudes por resolver, recordou que debido ao éxito desta iniciativa o Goberno galego reforzou o orzamento dedicado a esta orde de axudas, que pasou dos 3 millóns de euros previstos inicialmente ata un total de 11 millóns de euros. Os apoios van dirixidos aos sectores da hostalería e a restauración para ofrecer máis confianza aos consumidores, facilitarlles a actividade aos establecementos e que esta sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19.
Segundo especificou, o programa ofrece apoios directos a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados.