Fernández-Tapias destaca o Bono Activa Comercio como instrumento dinamizador do sector, con preto de 14.000 beneficiarios na área de Vigo
A delegada territorial en Vigo sinalou, nunha visita aos establecementos comerciais da zona de Centro Príncipe, que xa son 547 os establecementos adheridos na comarca
Lembra que esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que ten como principal obxectivo incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a grande aceptación que esta a ter o Bono Activa Comercio, con 13.789 beneficiarios e 547 establecementos adheridos na comarca viguesa.
Neste contexto, a representante autonómica remarcou o compromiso do Goberno galego co comercio de proximidade con medidas de apoio ao consumo por 21 millóns de euros. “Tras un ano extremadamente difícil para o sector por mor da pandemia tíñamos que reaccionar de maneira inmediata”, dixo. Así, defendeu a capacidade do Bono Activa Comercio como instrumento dinamizador, xa que permite ao tempo incrementar as vendas do comercio e outorgar unha maior capacidade de compra aos consumidores.
Durante unha visita aos establecementos comerciais da zona de Centro Príncipe adheridos a esta iniciativa, que suma na cidade 315 comercios e 9.104 consumidores que contan co bono desconto de 30 euros, a delegada recordou que forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego, co que a Xunta de Galicia busca impulsar axudas que incentiven o consumo e favorezan a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.
Así, tras precisar que este programa conta cun orzamento de 10 millóns de euros e pretende mobilizar 55 millóns, Fernández-Tapias recordou que os establecementos que se queiran adherir á campaña aínda teñen de prazo para apuntarse ata o vindeiro 31 de maio.
Axudas á dixitalización
Dentro do marco das actuacións postas en marcha durante este ano pola Xunta de Galicia para axudar á reactivación económica, Fernández-Tapias recordou que aínda está aberta ata o 4 de xuño a convocatoria de axudas á dixitalización comercial, unha liña específica coa que o Goberno galego, explicou, busca impulsar a modernización do comercio e a artesanía en Galicia. A iniciativa, que conta cun orzamento de 5 millóns de euros -un 31,6% máis que o ano pasado- vai dirixida a todos aqueles establecementos e obradoiros que queiran afondar no comercio por internet, adquirir novo equipamento e participar en feiras dixitais.