FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A SINGULARIDADE DA PESCA DO CERCO E A SÚA CONTRIBUCIÓN COMO PESQUEIRA SUSTENTABLE

A delegada territorial da Xunta felicitou a Acerga por estes catro anos como Organización de Produtores Pesqueiros e polo esforzo para poñer en marcha a campaña O Cerco, un xeito de vida presentada hoxe no mercado do Progreso
Con esta campaña Acerga busca difundir a actividade pesqueira sostible do cerco, os produtos que captura esta frota e o seu estilo de vida co fin de atraer ás novas xeracións con accións como un documental e a súa presenza nas escolas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe, con motivo da presentación da campaña O Cerco, un xeito de vida, a singularidade da pesca do cerco e a súa contribución como pesqueira sustentable.

Nun acto celebrado no mercado vigués do Progreso, a representante autonómica gabou o labor da organización de produtores pesqueiros (OPP) da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), á que felicitou por estes catro anos que cumpre como OPP representando a máis de 100 asociados en toda Galicia.

Tamén puxo de relevo o seu labor con esta campaña que ten como finalidade difundir “o estilo de vida do cerco para atraer aos máis novos e garantir así a remuda xeracional; a importancia da actividade pesqueira sustentable que desenvolven os seus asociados e os produtos que capturan; e os beneficios nutricionais dun produto de proximidade e moi selectivo”.

Eses fins reflíctense nas accións que forman parte da campaña, entre elas un documental para trasladar os obxectivos da iniciativa aos consumidores e a presenza nas escolas. Nesta edición, os alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria do CEIP García Barbón de Vigo tiveron oportunidade de participar nunha actividade o pasado mes de xuño na que coñeceron as diferenzas entre os peixes azuis e os brancos, así como a arte da  pesca da xarda.