FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A REPOBOACIÓN FORESTAL DOS MONTES DE VIGO E AS OPORTUNIDADES LABORAIS XERADAS A TRAVÉS DOS OBRADOIROS DE EMPREGO
A delegada territorial da Xunta en Vigo clausurou este xoves o obradoiro forestal organizado pola Mancomunidade de Montes de Vigo e financiado polo Executivo autonómico con máis de 208.000 euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou este xoves no Monte Alba o obradoiro forestal organizado pola Mancomunidade de Montes de Vigo co financiamento do Goberno galego. A representante autonómica destacou a dobre dimensión dos programas formativos activados pola Consellería de Emprego e Igualdade, e nomeadamente dos obradoiros duais, cun alto nivel de inserción laboral de preto del 60%.
“Estas iniciativas supoñen experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, dixo Fernández-Tapias, ao tempo que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito. “Conseguen unha pegada tanxible na propia contorna”, engadiu.
No obradoiro fórmanse 15 desempregados e desempregadas en tarefas de roza, repoboacións e infraestruturas forestais, recolección de froitos e sementes, tratamentos silvícolas e control de pragas e enfermidades. A achega da Xunta é de 208.167,60 euros e as actividades realizáronse nos montes de Beade, Bembrive, Comesaña, Coruxo, Matamá, Saiáns e Valadares.
Fernández-Tapias recordou que o Goberno galego destina este ano un orzamento de 4,8 millóns de euros ao financiamento de nove obradoiros duais de emprego en 11 concellos da área territorial de Vigo, que suporán a contratación de 172 persoas; e de 5 talleres de emprego para persoas mozas, que formarán e darán opción a traballar a 80 menores de 30 anos.
Fernández-Tapias incidiu no obxectivo fixado de incrementar as oportunidades laborais dos galegos e mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man de expertos, ao tempo no que se desenvolven actuacións de mellora en espazos públicos e prestación de servizos de interese xeral e social.
Os obradoiros duais son o Coidando Miñor, que Gondomar comparte con Nigrán e Baiona; o taller Sustentable que promoven Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño; o Granxa da Rúa de Cangas; o Labora V de Moaña; a segunda edición do Redondela Máis que Bela; o obradoiro Porriño Labora; a nova convocatoria do Vigo Capacita; o Somos Mos; e o obradoiro forestal nos montes vigueses a cargo da Mancomunidade.
Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco para persoas mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor, aos que o Executivo autonómico destina 1,8 millóns de euros na área territorial. Os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contarán cun contrato de traballo de 12 meses de duración.