FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A “CONSOLIDACION” DO CONCURSO DE CORDA “CIDADE DE VIGO” COMO “REFERENTE NACIONAL” PARA OS NOVOS TALENTOS DA MÚSICA

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este venres na presentación da undécima edición do certame que se celebrará entre o 8 e o 11 de decembro no Conservatorio Superior de Música

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron este venres na presentación do XI Concurso de Corda “Cidade de Vigo” organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC) co apoio da Xunta de Galicia.

Durante o acto, a representante autonómica destacou o récord de participación e o alto nivel da competición. “O concurso xa está consolidado como un referente nacional para os novos talentos da música, pero o máis importante é sen dúbida o que representa na faceta do crecemento persoal dos estudantes”, sinalou.

Segundo explicou a presidenta de AGIC, Elizabeth Taylor, o concurso se celebrará entre o 8 e o 11 de decembro no Conservatorio Superior de Música. Hai 81 estudantes de corda inscritos, o que supón un récord, procedentes de 19 provincias españolas, pero tamén de Portugal, con representación de Braga, Coímbra, Porto, Lisboa, S. Tirso, Setúbal e Açores.

Poderán participar todos os novos violinistas, violonchelistas e contrabaixistas que cursen ou cursaran estudos de música en institucións de educación musical públicas ou privadas de España ou Portugal. Constará de dúas roldas nas súas distintas categorías e as audicións serán públicas. As horas de cada unha das audicións e a información do certame pode consultarse na web da asociación.