FERNÁNDEZ-TAPIAS DESTACA A CONSOLIDACIÓN DE VIGO PORTÉ, CON MÁIS DE 1.500 BAILARÍNS E 400 COREOGRAFÍAS, PARA CONVERTER Á CIDADE EN REFERENTE INTERNACIONAL DA DANZA
A delegada territorial da Xunta presenciou este sábado a competición de baile que bate todos os rexistros de participación
O Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo alcanza a súa terceira edición dentro de Vigo Porté
“A Xunta apoia de novo esta iniciativa que xa se consolidou como un dos eventos de danza de referencia a nivel europeo”, sinalou
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu este sábado ao Auditorio Mar de Vigo para presenciar a segunda xornada do evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté que se celebra na cidade ata o 1 de maio. A representante autonómica estivo acompañada no escenario do Auditorio Mar de Vigo pola directora do evento, Lorena López, e o presentador e presidente do xurado, Javier Castillo “Poty”.
Fernández-Tapias destacou o récord de participación que alcanza Vigo Porté na súa décimo primeira edición e destaco o apoio do Goberno galego á cultura. “Un ano máis Vigo Porté volve estar presente na cidade olívica grazas á aposta da Xunta pola danza, polo talento novo e pola cultura, en Vigo existe un potencial enorme que hai que amosar e este evento supón un importante escaparate para as escolas», sinalou.
Ademais, lembrou que o apoio do Goberno galego foi fundamental hai agora dous anos para a permanencia do evento na cidade. Así, Vigo Porté regresou ao Auditorio Mar de Vigo entre este 28 de abril e o 1 de maio, ampliando a competición por primeira vez a catro días.
Vigo Porté 2023 supera os rexistros da pasada edición no número de centros de danza (42), participantes (1.500) e coreografías (420). “A través deste trofeo a Xunta de Galicia continúa prestando soporte a esta iniciativa que se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo”, apuntou Fernández-Tapias.
Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo”
Durante os días 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio o Auditorio Mar de Vigo acollerá esta celebración da terceira edición do Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo” nas diferentes categorías: Mini, Infantil, Junior e Absoluta e coas seguintes disciplinas: Clásico, Folclore, Fusión, Lírico, Musicais+BSO e Urbano.
Master Class de Jazz Musical
Na tarde deste sábado 29, Día Internacional da Danza, no Centro Comercial Vialia Estación de Vigo celébrase a Master Class de Jazz Musical impartida polo coreógrafo Toni Espinosa e a continuación a conferencia “A Excelencia na Danza”, que contará co actor, cantante e bailarín Millán de Benito como artista invitado.
O luns 1 de maio será o momento da final de Vigo Porté. As coreografías gañadoras do primeiro premio do 3º Trofeo de Baile Internacional “Vigo Xacobeo” nas catro categorías, volverán competir para alzarse cos Premios de Mellor Coreografía e o ansiado Premio Vigo Porté 2023. Nesta final realizarase unha apertura con 22 centros de danza e 200 bailaríns en escena.
