FERNÁNDEZ-TAPIAS DÁ A BENVIDA Á FROTA DE GRANDES VELEIROS DA IACOBUS MARIS E VIGO CONVÉRTESE NO PORTO BASE DA RUTA MARÍTIMA XACOBEA MÁIS LONGA DA HISTORIA
A delegada da Xunta acudiu ás Cíes para acompañar ás embarcacións na grande parada naval realizada a súa entrada na ría de Vigo
O peirao de Transatlánticos encheuse de veciños e turistas para recibir aos barcos que realizaron durante o último mes a travesía desde Xénova
O village xa ofrece actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e sábado e visitas guiadas aos barcos
As tripulacións viaxarán este sábado ata Santiago para pechar a súa peregrinación e o domingo recibirán en Vigo os diplomas acreditativos
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, deu a benvida este venres á frota da Ruta Iacobus Maris despois da súa viaxe durante o último mes desde Xénova (Italia), de onde partiron o pasado 26 de xuño, e tras o seu paso por Valencia, Sevilla e Oporto, no que foi a peregrinación marítima máis longa da historia.
As embarcacións foron recibidas pola representante autonómica fronte ás Illas Cíes, onde celebrouse unha parada naval antes de entrar no porto de Vigo. “Estamos ante un dos eventos máis esperados deste Xacobeo 21-22, este regreso a Vigo dos grandes veleiros é un espectáculo único que a cidade non vive desde hai moitos anos e que grazas á implicación da Xunta podemos hoxe gozar de novo», apuntou Fernández-Tapias.
A bordo do pailebote “Pascual Flores”, a delegada da Xunta e o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, puideron seguir a chegada das embarcacións ao peirao de Transatlánticos e á dársena da Laxe. Os barcos ofreceron unha espectacular estampa aos ollos das miles de persoas que seguiron desde terra a súa entrada na ría. Xa no porto as tripulacións abriron as portas das súas embarcacións para amosar a todos os visitantes como é a navegación en grandes veleiros.
Catro etapas e cinco portos
A Iacobus Maris supón o regreso a Galicia dos grandes veleiros en conmemoración da viaxe do corpo de Apóstolo ata Santiago de Compostela. A ruta xacobea marítima estivo dividida en catro etapas e visitou cinco portos ao longo dunha peregrinación que partiu da localidade italiana de Xénova o pasado 26 de xuño e que chegou este venres a Vigo tras tocar os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19).
Catro días de actividades
Fernández-Tapias lembrou que no porto haberá actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos.
“Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva e sen lugar a dúbidas a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camiño de Santiago e no Camiño Portugués da Costa”, apuntou.
Embarcacións participantes
Os barcos que chegaron son os españois VO70 “E1”, “Atyla”, “Pascual Flores”, “Atyla”, “Peregrina” e “Evangelina”; o portugués “Vera Cruz”, e o francés “Etoile”. No evento náutico na ría de Vigo tamén participaron os barcos da Ruta Marítima Cabaleiro das Cunchas Xacobeo 21-22
Ao longo da fin de semana as embarcacións manterán abertas as súas portas. Os tripulantes realizarán o sábado o resto do seu percorrido ata Compostela cunha travesía en catamarán desde Vilanova de Arousa ata Pontecesures. Posteriormente, farán os últimos quilómetros a pé para entrar na praza do Obradoiro.