FERNÁNDEZ-TAPIAS CONFIRMA O “SOLD OUT” PARA O CONCERTO DE MUSE EN BALAÍDOS, DENTRO DO PROGRAMA XACOBEO 21-22, TRAS VENDERSE 2.000 NOVAS ENTRADAS “EN TRES MINUTOS”

A delegada territorial da Xunta valora a elevada demanda dos novos tíckets vendidos como exemplo do éxito da programación do Xacobeo 21-22
 “Estamos ante o evento musical máis importante do ano en Galicia, que ademais supón o regreso dos grandes concertos a Balaídos”, sinalou
O grupo británico saltará ao escenario este xoves (22:15 horas) despois dos teloneiros: os vigueses The Killer Barbies (20:00h) e os ingleses Years&Years (21:00h)
Máis de 120 altofalantes, 150.000w de iluminación, 100 medios acreditados e máis de 450 operarios para a montaxe no estadio de Balaídos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, confirmou este mércores que as 2.000 novas entradas que saíron á venda a primeira hora do día para o concerto de Muse en Balaídos, programado dentro dos Concertos do Xacobeo 21-22, quedaron esgotadas en “tres minutos”. A alta demanda existente para a actuación do grupo británico quedou patente a partir das 10:00 horas, momento no que os tíckets foron postos de novo a disposición do público e confirmouse polo tanto o “sold out”.

Así, o aforo total para o concerto será de 17.000 persoas, logo de que as primeiras 15.000 postas á venda duraran tan só 24 horas nas billeteiras online. “É o mellor exemplo de que estamos ante o evento musical de maior importancia do ano en Galicia”, sinalou a representante autonómica. Fernández-Tapias. “Non hai mellor maneira de celebrar o regreso dos grandes concertos a Balaídos máis de 20 anos despois”, engadiu.

A delegada anunciara este martes a saída á venda doutras 2.000 entradas máis tras a aprobación da modificación do Plan de Autoprotección. A día de hoxe continúa a montaxe do escenario, que comezou o sábado e que estará rematado este xoves. Xa hai máis dun centenar de peticións de medios de comunicación para dar cobertura ao evento. Muse saltará ao escenario ás 22:15 horas e os teloneiros serán os vigueses The Killer Barbies (20:00h) e os ingleses Years&Years (21:00h).

Datos técnicos

Para o concerto sobre o escenario de Balaídos traballan técnicos de son, iluminación, vídeo, backline, riggers, escenógrafos, electricistas e condutores. O estadio vigués disporá dunha potencia de 150.000w de iluminación e 40.000w de son, ademais de 473 focos e máis de 120 altofalantes. Para o transporte do material foron necesarios 16 camións e na montaxe do escenario hai máis de 450 operarios, entre os que se inclúen preto de 80 persoas do propio equipo de Muse.