FERNÁNDEZ-TAPIAS CONFIRMA O COMPROMISO DA XUNTA CO BARRIO DE TEIS TRAS ANUNCIAR A SEGUNDA FASE DE HUMANIZACIÓN DA AVENIDA DE GALICIA CUN INVESTIMENTO DE 4,1 MILLÓNS
A delegada da Xunta en Vigo presenta a actuación á veciñanza e destaca que a reforma “permitirá a protección de peóns” nesta vía de acceso á cidade
A intervención na estrada PO-323 suporá un novo investimento que eleva a máis de 22 millóns de euros a aposta da Xunta nesta parroquia viguesa
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará nun treito de 1,56 quilómetros, que vai dende o límite municipal co concello de Redondela ata o IES de Teis
O inicio das obras da primeira fase, entre a Avenida da Mariña Española e o instituto, está previsto para a vindeira primavera
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este xoves a inminente aprobación no Consello da Xunta da segunda fase do proxecto de humanización da Avenida de Galicia (PO-323) no Concello de Vigo. A nova actuación céntrase no treito comprendido entre o límite municipal co municipio de Redondela ata o IES de Teis e suporá un investimento da administración autonómica de máis de 4 millóns de euros.
Segundo explicou a representante autonómica á veciñanza, a reforma global da avenida ten unha inversión de 6 millóns por parte da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que sumados ao Plan ETEA 2022-2025 eleva ata 22,3 millóns a aposta do Goberno galego para á parroquia de Teis. “A Xunta amosa o seu compromiso absoluto co barrio e agarda os permisos para poder actuar na ETEA”, sinalou.
Fernández-Tapias presentou esta segunda actuación na Avenida de Galicia despois de que a Xunta recibira este mes de xaneiro un total de seis ofertas para o proxecto da primeira fase, que conta cun investimento de 2,5 millóns para o tramo de 500 metros que vai desde a Avenida da Mariña Española o IES de Teis.
Fomento da mobilidade
“Estamos falando dunha actuación moi importante para o barrio porque permitirá a protección de peóns nesta vía de acceso á cidade con características moi urbanas”, sinalou Fernández-Tapias. Ademais, explicou que o que se persegue é o fomento da mobilidade segura e sostible, así como a mellora da mobilidade interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos .
Aparcadoiros: 75 prazas máis
A obra inclúe a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a execución de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a conexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o haberá arborado. Ademais, non se contemplan cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente.
En canto aos novos aparcadoiros, está previsto habilitar tres zonas cun total de preto de 200 prazas, de forma que haberá 75máis respecto ás actuais (aumento do 38%). A superficie de aparcamento xerada terá un total de 5.879 metros cadrados e estarán situadas nos puntos quilométricos 2+747 a 2+850 (3.720 m²), 2+984 a 3+049 (776 m²) e 3+052 a 3+132 (1.383 m²).
Comezo das obras da primeira fase na primavera
A Xunta xa recibiu seis ofertas para executar a primeira fase do proxecto de construción da humanización da avenida de Galicia, que suporá un investimento autonómico de preto de 2,5 M€. Neste caso a previsión é comezar as obras na vindeira primavera, dispoñendo para iso do investimento necesario nas contas de 2023. Intervirase nun treito de 500 metros no que se ampliarán as beirarrúas e se mellorará a accesibilidade.
