FERNÁNDEZ-TAPIAS CLAUSURA O III CONGRESO GALEGO DE COMPLIANCE E DESTACA O SEU PAPEL “FUNDAMENTAL” PARA O MUNDO DO DEREITO E AS EMPRESAS

A delegada territorial de Xunta en Vigo pechou este xoves a xornada celebrada no Círculo de Empresarios de Galicia

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, clausurou este xoves o III Congreso Galego de Compliance celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia. A representante autonómica destacou a xornada como unha ferramenta “fundamental” para o mundo do dereito e para as empresas”.

“O compliance está comenzando a ser un elemento de peso na cultura empresarial. A día de hoxe, as empresas deben de gravar no seu ADN o cumprimento normativo que debe erixirse como unha das pancas das súas políticas de RSC e de sostenibilidade”, sinalou Fernández-Taias durante o acto de peche.
O congreso incluiu relatorios e mesas redondas sobre a situación do compliance en dous campos: alimentación e comunicación. Así, as conferencias abordaron a nova forma de xestionar riscos legais, sobre os aspectos penais da imputación das persoas xurídicas ou sobre as problemáticas asociadas aos delitos económicos ou financeiros nas persoas xurídicas.

A representante autonómica resaltou que o cumprimento da normativa debe integrarse na cultura empresarial porque achega seguridade xurídica e facilita novas oportunidades para as compañías.

Fernández-Tapias salientou tamén a elección de Vigo como sede das xornadas e indicou que o evento beneficiou tanto a pemes como ás grandes empresas. “A implantación do compliance vai destinado a protexer ás persoas xurídicas fronte aos riscos penais e redunda en moitos máis beneficios, ademais de ofrecer control e seguridade para os clientes”, indicou.

Pola súa banda, Fernando Guldrís, director do Igape, foi o encargado de abrir as xornadas no Círculo de Empresarios de Galicia. Durante a súa intervención, lembrou que o Programa Reacciona da Xunta está destinado a “acompañar e axudar en moitos casos para anticiparnos e reducir o nivel de risco en determinados ámbitos de actuación do día a día das nosas compañías”.