Fernández-Tapias clausura o curso escolar no CEIP plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo felicitou as direccións dos centros educativos e aos profesores polo traballo realizado este ano no que, malia pandemia, se mantiveron os estándares de calidade e a presencialidade nas aulas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou hoxe nos actos de clausura do curso escolar no CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro de Vigo.

Durante a súa intervención, a representante autonómica destacou que co remate do curso e tempo de facer balance do traballo feito, especialmente tras un ano escolar excepcional que se viu condicionado pola crise sanitaria derivada da covid-19.

Fernández-Tapias agradeceu ao alumnado o seu esforzo non só por cumprir as normas, senón por esforzarse día a día nas aulas. “Malia a vosa idade fostes todo un exemplo para todos nós”, indicou.

Así, a delegada territorial celebrou que se cumpriran os principais obxectivos marcados polo Goberno galego ao inicio do curso garantindo a seguridade sanitaria e a presencialidade case total nas aulas, ao tempo no que se mantiveron os estándares de calidade do ensino.

Tivo tamén palabras de agradecemento Fernández-Tapias para as direccións dos centros e o profesorado e tamén para as familias que fixeron posible que fosen lugares seguros fronte á covid-19. Así, valorou o “impecable” traballo que realizaron, tanto desde o punto de vista organizativo como de apoio ao alumnado nunha situación completamente descoñecida. “Grazas ao esforzo conxunto fomos quen de acadar a máxima normalidade dentro desta excepcionalidade que supón a pandemia”, subliñou.

Asemade, apuntou aos recursos que a Xunta de Galicia, cunha inxección adicional de 162 millóns de euros, puxo a disposición do sistema educativo, reforzando o cadro de docentes, persoal de limpeza ou comedores. Asemade, dixo, se desenvolveron protocolos específicos para os comedores e as actividades extraescolares e se deseñaron planes como o de Benestar Emocional e o de Atención ao Alumnado Vulnerables e os específicos para o ensino virtual, poñendo ordenadores a disposición de quen o necesitou.

E unha vez rematado este curso, a delegada incidiu en que a Consellería de Educación traballa xa no vindeiro ano, no que Galicia apostará por un protocolo de transición que permita seguir avanzando cara á normalidade. Neste sentido, lanzou unha mensaxe ao Goberno central para que fixe canto antes a súa postura e comunique os recursos cos  que van a contar as comunidades para facer fronte ao curso 2021-2022.

Pola parte da Xunta, comentou, temos xa avanzado un plan de choque que garanta os estándares de calidade do sistema educativo galego. O Plan Recupera que, segundo dixo,  beneficiará a 50.000 alumnos co apoio de 1.500 docentes para que ningún alumno quede atrás.

Paralelamente o Executivo autonómico ten en marcha o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que servirá de folla de ruta para deseñar os espazos escolares do futuro ao servizo das novas esixencias tanto de carácter académico como funcional e medioambiental.

Este novidoso plan está dotado cun investimento de 191 millóns de euros para esta lexislatura, e nel faise fincapé nos aspectos académicos −como o deseño de espazos ao servizo da transformación dixital−, nos aspectos das infraestruturas propiamente ditas −con espazos máis amplos, mellor ventilados, máis saudables e máis confortables−, e de sostibilidade enerxética e medioambiental −coa instalación de centrais de biomasa, entre outros−.