FERNÁNDEZ-TAPIAS CELEBRA QUE UN XORNAL COMO ‘THE NEW YORK TIMES’ FAGA FINCAPÉ NAS MEDIDAS DE XESTIÓN IMPLANTADAS POLA XUNTA NAS ILLAS CÍES

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebra que as Illas Cíes sexan un dos 52 destinos mundiais sostibles seleccionados polo prestixioso diario The New York Times e lembra que a súa xestión, como parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, corre a cargo da Xunta de Galicia.

“Celebramos, sobre todo, que un medio tan prestixioso faga fincapé nas medidas levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos, como é a limitación do número diario de visitantes, o que, como din, axudou a protexer o arquipélago e a evitar o turismo masivo”, salienta a delegada.

Así, sinala que a reportaxe subliña os “estritos esforzos de conservación, incluídas as restricións fronte aos vehículos, establecementos hostaleiros e ruídos”, o cal “deixa en moi boa posición a xestión da Xunta”.

Por último, Fernández-Tapias apunta que o título da reportaxe “ben pode ser un resumo do noso desexo para o futuro das illas”, en referencia á cita “neste exuberante arquipélago, manter a raia o turismo é parte do seu encanto”.

“Este alcance internacional e as seis figuras de protección que se concentran no Parque Nacional non son froito dun día, senón dun labor constante por parte do persoal deste espazo durante os últimos anos”, conclúe.