FERNÁNDEZ-TAPIAS: “CABALLERO É UN IRRESPONSABLE E PRETENDE DESVIAR A ATENCIÓN SOBRE A SÚA NEFASTA XESTIÓN DA AUGA E O ABANDONO DA ETAP DO CASAL”

A delegada territorial da Xunta en Vigo lembra a Abel Caballero que o seu Goberno local cobras as taxas ao resto de municipios polo abastecemento
Desminte calquera atraso por parte da Xunta na construción da nova potabilizadora: “Resolvéronse en tempo e forma todas as peticións do Concello”
“Asistimos a un novo episodio do inexistente inimigo exterior, o que ten que facer é adicar os recursos dos cidadáns a garantir un elemento básico e non á propaganda”
Respecto ás propostas do Estudo de Alternativas, aclara que ”o propio número 2 do ministerio admite que a solución non son nin transvases nin novos encoros”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desmentiu este mércores que o Goberno galego atrasase a construción da nova potabilizadora do Casal, responsabilidade do Concello e imprescindible desde hai anos para garantir o abastecemento de agua na cidade. Polo contrario, a representante autonómica explicou que a Xunta axilizou toda a tramitación e resolveu “en tempo e forma” todos os informes que lle foron solicitados.

“Asistimos nas últimas horas a un novo episodio do inexistente inimigo exterior, unha nova manobra de distracción do alcalde para culpar á Xunta de todos os males”, sinalou a delegada. Tras a reunión con rexedores da área, Fernández-Tapias constata que Abel Caballero intenta unha vez máis ocultar a súa ineficacia e pretende coordinar cos alcaldes un problema que debería tratar a Área Metropolitana.

“É un irresponsable, sabe desde hai 15 anos que a estación depuradora ten problemas cando Eiras está por debaixo do 40% de ocupación e non fixo os deberes para solucionar o problema. Non só iso tamén boicoteou a Área Metropolitana e así queda recollido na sentenza”, insistiu.

Ademais, a delegada explicou que dito organismo supramunicipal atendería a cuestión básicas como o transporte ou o abastecemento de agua dos municipios. «Non quixo entrar no Plan de Transporte por puro interese partidista e agora nos atopamos co problema da seca e sen un ente no que poidamos coordinarnos», manifestou.

Tamén reiterou que as competencias do abastecemento son exclusivamente municipais e rexeita o novo “intento de confundir” á cidadanía. “Por moito que insista hai unha realidade obvia, a competencia do abastecemento de auga é municipal e a estación de tratamento tamén, non se trata dunha instalación supramunicipal en ningún dos casos, e de feito o Concello cobra as taxas aos veciños de Vigo e a outros municipios”, engadiu.

Da mesma forma negou que a Xunta paralizase en ningún momento a construción da nova potabilizadora. “É doado de comprobar, temos cada solicitude do Concello para a infraestrutura con resposta inmediata en tempo e forma, ao revés é precisamente o Concello o que demora as súas respostas para aportar a documentación necesaria, algo habitual en calquera das súas peticións para culpar a continuación á Xunta”, apuntou.

Estudo de Alternativas

Respecto do Estudo de Alternativas consensuado entre Xunta, Ministerio e Concello, a representante autonómica sinalou que o propio secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, descartou as opcións que agora propón Abel Caballero. “O número dous do ministerio xa foi demoledor coa posibilidade dun novo transvase ou un novo encoro e sinalou publicamente que non debemos xerar expectativas falsas porque non serían en ningún caso a solución”, engadiu.

Ademais, a delegada reclamou de novo ao Concello de Vigo que responda canto antes ás peticións feitas desde o Goberno galego de forma oficial para coñecer de “forma inmediata” o Plan de emerxencia fronte á seca, ao que está obrigado como municipio de máis de 20.000 habitantes, e o estado das obras na ETAP do Casal, así como a previsión de actuacións de emerxencia que incrementen a súa eficiencia.

Carta en 2007

Como xa apuntou o luns durante a rolda de prensa na Delegación de Vigo, Fernández-Tapias lembrou que o alcalde coñecía os problemas da ETAP polo menos desde o ano 2007, cando remitiu unha carta ao Ministerio de Medio Ambiente nas que admite que a depuradora presenta “graves carencias”.

“Non fixo nada en todos estes anos, pese a que recoñecía o problema da potabilizadora municipal. E fronte a este comportamento, o municipio veciño do Porriño ten unha planta de tratamento de auga potable capaz de tratar auga sexa cal sexa o volume do encoro de Eiras e o de Vigo só pode tratala cando o embalse está ao 40%”, sinalou.

O encoro máis grande

Para a delegada da Xunta en Vigo, o mellor exemplo de “ineptitude” por parte do alcalde e que “dispón do encoro máis grande de Galicia e o que presenta maior volume de agua embalsada”, pero sen embargo “é unha das concas que máis problemas presentas debido a que a ETAP ten numerosas carencias”.

“Queremos saber que fixo o alcalde cos 40 millóns anuais que cobra aos vigueses pola auga, 600 millóns desde 2007, que nos diga onde os investiu e deixe de confrontar. O que ten que facer e poñerse a traballar en serio para acabar as obras da ETAP”, conclúe.