FERNÁNDEZ-TAPIAS ABOGA POLA SENSIBILIZACIÓN SOCIAL PARA COLABORAR NA PREVENCIÓN DO DANO CEREBRAL
A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na inauguración da exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, organizada por Fegadace e a Xerencia da Área Sanitaria no Hospital Álvaro Cunqueiro
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na inauguracion da exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’, organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) con motivo do Día Mundial do Dano Cerebral Adquirido en colaboración coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo.
A mostra poderá verse na zona de consultas do Hospital Álvaro Cunqueiro, no andar -1, desde o 25 de outubro ata o 8 de novembro. A mostra atópase na zona de Consultas Externas, no andar -1. As fotografías, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte de Fegadace.
Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de Adaceco, Adace Lugo, Alento, Renacer e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
A organización desta actividade conta coa colaboración da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e co financiamento da Consellería de Política Social, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF.