A inversión do Goberno galego no conxunto da provincia alcanza os 16,3 millóns de euros, case que un 10% máis que en 2021, para impartir 159.491 horas de formación

FERNÁNDEZ-TAPIAS AVANZA QUE A XUNTA DE GALICIA FINANCIARÁ CON 7,3M€ MÁIS DE 140 CURSOS DE FORMACIÓN PARA PERSOAS DESEMPREGADAS EN VIGO

A delegada territorial da Xunta presentou este xoves os cursos ás entidades de formación profesional adxudicatarios dos concursos para toda a área metropolitana
A Consellería de Promoción de Emprego ofertará 142 cursos, 18 máis que en 2021, e 71.101 horas de formación en Vigo, 7.000 máis
Persoas en ERTE e con discapacidade física, psíquica ou sensorial serán destinatarias preferentes da oferta formativa
Mais de 67.000 persoas participaron nas accións formativas dende 2014 en Galicia e seis de cada dez conseguiron un contrato
Tapias destacou que a Xunta está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, avanzou este xoves que a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade subvencionará en Vigo un total de 142 cursos formativos (18 máis que o pasado ano) no marco do plan AFD (accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas). Así o explicou durante o encontro con preto dun centenar de representantes dos centros de formación profesional que resultaron adxudicatarios na área viguesa e no resto da provincia de Pontevedra.

A representante autonómica explicou que os cursos contan cun investimento de 7,3 millóns de euros (5,9 millóns en 2021) para impartir un total de 71.101 horas (63.827 o pasado ano) na cidade de Vigo. Non conxunto da área viguesa serán 191 cursos (24 máis) con 92.613 horas (84.391 o ano pasado) e unha partida económica de 9,5 millóns. A inversión do Goberno galego en toda a provincia de Pontevedra alcanza os 16,3 millóns de euros, case que un 10% máis que en 2021, para impartir 159.491 horas de formación.

Fernández Tapias explicou que o Goberno galego segue a apostar no marco da estratexia Xempre Contigo pola formación flexible, coa teleformación e a aula virtual como modalidade de impartición. “A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e á oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación”, sinalou.

Máis de 49 millóns

No conxunto de Galicia, a Xunta financiará con 49,7 millóns de euros un total de 1.063 accións que impartirán en 2022 e 2023 centros ou entidades de formación acreditados coa finalidade de mellorar a cualificación de 16.047 persoas desempregadas. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vén de resolver esta convocatoria que supera en presuposto nun 12% o establecido na edición anterior.

Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

327 cursos na provincia de Pontevedra

Durante este ano e 2023 a Xunta apoiará a celebración de 335 cursos (16,4M€) por entidades da provincia da Coruña; 196 (8,4M€) na de Lugo; 205 (8,4M€) en Ourense e 327 (16,3M€) na provincia pontevedresa.

Desde o ano 2014 o Goberno galego leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte cerca de 67.000 persoas. A media de inserción durante este tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 persoas que participan nas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta obter un contrato no mercado laboral.

O programa, financiado con fondos finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, insírese no Plan galego de Formación para Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77%  con respecto ao exercicio anterior.

‘Xempre Contigo’, para mellorar a empregabilidade

Este conxunto de actuacións atopan o seu encaixe cun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade de galegas e galegos a través da cualificación profesional por medio dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral.