FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA UNHA “IMPORTANTE MELLORA” DO TRÁFICO E DA MOBILIDADE PEONIL EN TEIS COA HUMANIZACIÓN DA AVENIDA DE GALICIA QUE XA FOI LICITADA CUN INVESTIMENTO DE PRETO DE 2,5 MILLÓNS

A delegada territorial da Xunta en Vigo avanza a publicación do concurso público para a primeira fase de reforma do vial que discorre sobre a PO-323
A previsión é iniciar as na primavera de 2023, dispoñendo para iso do investimento necesario nas contas de 2023
Intervirase nun treito de 500 metros, entre a avenida da Mariña Española e o Instituto de Teis, no que se ampliarán as beirarrúas

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este martes sobre a publicación do concurso público para a  humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que suporá un investimento autonómico de preto de 2,5 millóns de euros. Esta nova intervención estará acompañada dunha segunda fase, agora en información pública, para unha inversión total de case 6,5 millóns.

“A obra vai a significar unha importante mellora para o tráfico e para a mobilidade peonil nunha das principais entradas á cidade”, sinalou a representante autonómica tras a presentación do proxecto. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar os traballos na vindeira primavera, dispoñendo para iso do investimento necesario nas contas de 2023.

Fernández-Tapias destacou que a Xunta busca fomentar a mobilidade sostible nesta vía de entrada á cidade, a través de actuacións de acougado do tráfico rodado e mellora dos itinerarios peonís. Esta primeira fase do proxecto de reforma deste tramo da vía autonómica ten en conta puntos singulares como os cruces coas vías que dan acceso ao centro de saúde e á ETEA. O deseño definido polo departamento de Infraestruturas da Xunta busca, ademais, coordinar a súa execución co desenvolvemento efectivo do Campus do Mar na antiga ETEA.

Ampliación de beirarrúas

Esta obra da Xunta PO-323 comprende a mellora e ampliación das beirarrúas en ambas as marxes do treito de actuación, de modo que sexan máis continuas e accesibles, así como a execución dunha glorieta na intersección entre a avenida de Galicia (PO-323) e a avenida da Mariña Española, pola que se accede á ETEA.

As obras incluirán a recolocación das marquesiñas, a instalación dunha varanda modular e a reposición do muro de peche existente, co fin de mellorar visualmente a integración da actuación na zona do Camiño Portugués.
A nova zona de aparcadoiro situarase na parcela contigua ao IES de Teis, ao non ser viable a ubicación inicialmente prevista enfronte do centro de saúde, e manteranse as prazas de aparcadoiro actuais, na avenida de Galicia, entre os números 104-120 e nos números 67-69, que inicialmente se suprimían.

Segunda fase

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé finalizar a actuación cunha segunda fase que complete a mellora da estrada no termo municipal de Vigo, ata o límite municipal con Redondela, e cuxo proxecto xa foi sometido a información pública este outono cun investimento de 4 millóns de euros.