FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA UN NOVO ACORDO ENTRE XACOBEO 21-22 E O MARISQUIÑO PARA DEVOLVER A VIGO A COPA DO MUNDO DE DIRT JUMP

A delegada territorial de Xunta en Vigo presentou a programación do festival de deporte urbano que se celebrará no paseo das Avenidas entre os vindeiros 11 e o 14 de agosto
“O acordo baséase en tres factores que considerabamos imprescindibles: fomento da cultural local, presenza deportiva no ámbito nacional e unha proba ao máis alto nivel internacional”, sinalou
A achega do Goberno galego alcanza este ano os 300.000 euros, o que supón un incremento do 50% respecto ao 2021, co obxectivo de superar os datos de afluencia de 2019
O evento tamén recupera o campionato de Break Dance, na zona do Nadador, e programa tres días de concertos con marcado acento local a celebrar no peirao de Transatlánticos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este martes o novo acordo entre o Xacobeo 21-22 e O Marisquiño para que o festival poida recuperar na vindeira edición, que se celebrará entre o 11 e o 14 de agosto, a proba da Copa do Mundo de Dirt Jump.

A representante autonómica lembrou durante o acto de presentación que a pandemia impediu que se disputase o Dirt Jump en 2020 e 2021, pero nesta ocasión a Xunta considerou necesario aumentar o seu investimento para que os riders e os seus espectaculares voos poidan regresar á cidade.

“O acordo do Xacobeo e O Marisquiño baséase en tres factores que considerabamos imprescindibles: fomento da cultural local, presenza deportiva no ámbito nacional e unha proba ao máis alto nivel que tan só pódese presenzar noutras tres cidades do mundo”, sinalou a representante autonómica durante a rolda de prensa na que estivo acompañada polo director do Marisquiño, Carlos Domínguez “Pity”.

Así, serán un total de 35 riders os que cheguen a Vigo para participar nunha das únicas catro probas de máxima categoría (Gold) que se disputan no mundo: dous en Canadá (Vernon e Kelowna, montañas próximas a Vancouver), unha en Alemaña (Frankfurt) e a de Vigo. Os 20 primeiros clasificados da clasificación mundial teñen a súa praza asegurada e hai outras 15 invitacións que decide a FMB World Tour.

Fernández-Tapias apuntou que a segunda das claves que entra no acordo é a proba de Break Dance, considerada como a competición desta especialidade de maior proxección en España. Un total de 150 participantes estarán en Vigo e disputarase na zona do Nadador, contando por primeira vez cunha segunda bancada para albergar á alta demanda de espectadores que sempre ten.

E en terceiro lugar, a delegada da Xunta avanzou que o cartel do Marisquiño complétase con tres días de concertos no peirao de Transatlánticos.

Ademais, avanzou que nos vindeiros días ofrecerá máis detalles sobre a programación musical e sobre a montaxe e os participantes na Copa do Mundo de Dirt Jump. “O obxectivo este ano é superar os 160.000 espectadores que se achegaron a Vigo en 2019, antes da pandemia, pero este verano, con Galicia de moda, estamos seguros de que poderemos superar esa cifra”, concluíu.