FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA QUE OS ESCRITORES IGNACIO GÓMEZ DE LIAÑO E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO PRESIDIRÁN OS XURADOS DO PREMIO INTERNACIONAL DE POESÍA CARLOS OROZA

A delegada territorial da Xunta en Vigo avanza as bases do concurso para conmemorar a figura do poeta cun certame literario en castelán e galego
A exposición itinerante sobre Oroza comezará en Vigo o día do centenario do seu nacemento, o vindeiro 13 de maio, e percorrerá as principais cidades galegas
O galardón está dotado cun premio económico de 6.000 euros e cun recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este martes o nomes das persoas que presidirán os xurados en castelán e galego do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza para conmemorar o centenario do nacemento do escritor que residiu na cidade durante gran parte da súa vida. Segundo avanzou durante a presentación xunto ao presidente da Asociación Évame Oroza, Xabier Romero, o madrileño Ignacio Gómez de Liaño e o vigués Antonio García Teijeiro serán os escritores que comandarán os respectivos xurados para elixir aos gañadores.

A representante autonómica fixo o anuncio coincidindo co Día Internacional da Poesía durante un acto no local da Asociación Évame-Oroza, a súa sede no barrio histórico de Vigo tras a adxudicación do concurso celebrado polo Consorcio Casco Vello. Así, Fernández-Tapias avanzou as bases do concurso en dúas modalidades (galego e castelán), cada unha delas cunha dotación económica de 6.000 euros, e un terceiro recoñecemento á mellor iniciativa musical de divulgación da poesía (premiado cunha obra de arte).

O galardón, segundo explicou Fernández-Tapias, convócase cunha periodicidade bienal e será unha das moitas iniciativas para celebrar o centenario do autor. Desta forma, outro dos actos culturais será unha exposición itinerante que comezará en Vigo o vindeiro 13 de maio, día no que se celebra o centenario do nacemento de Oroza, e percorrerá as principais cidades galegas.

Ademais, o acordo entre a Xunta e a Asociación Évame-Oroza para conmemorar os actos do centenario tamén inclúe a edición do libro “Oroza 100”, na que participarán cen artistas, intelectuais e escritores aportando a súa visión do autor e as súas propias experiencias.

Tapias destacou a figura do escritor Carlos Oroza (Viveiro, 1923 – Vigo, 2015) e a súa etapa na cidade olívica. “Foi un dos grandes creadores que viviu na nosa cidade e con todo o seu nome e a súa obra aínda son unha grande descoñecida entre os galegos, polo que estamos ante unha oportunidade única para afondar na divulgación do traballo do poeta e creador”, apuntou.

Ademais de Fernández-Tapias, Xabier Romero e os escritores Ignacio Gómez de Liaño e Antonio García Teijeiro, no acto de presentación participaron outros membros destacados do colectivo cultural Évame-Oroza como Ánton Reixa ou Alberto Avendaño.