FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA A SAÍDA Á VENDA DE NOVAS ENTRADAS PARA O CONCERTO DE MUSE E DESTACA A MONTAXE EN BALAÍDOS DO ESCENARIO MÁIS GRANDE QUE SE INSTALARÁ EN GALICIA
A delegada territorial da Xunta visitou este martes o estadio vigués para coñecer os detalles do espectáculo do vindeiro xoves
Tras a aprobación da modificación do Plan de Autoprotección, este mércores haberá outros 2.000 tíckets á venda
“Trátase do mesmo escenario que utilizaron Rolling Stones ou Metallica, o mellor para o regreso dos grandes concertos a Vigo”, sinalou sobre a montaxe en Balaídos
Un total de 450 operarios traballan na montaxe dos escenario e hai máis dun centenar de peticións de medios para dar cobertura a actuación da banda británica
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este martes que nas vindeiras horas sairán á venda outras 2.000 entradas máis para o concerto de Muse no Estadio Municipal de Balaídos. A representante autonómica acudiu hoxe ao recinto deportivo para coñecer o proceso de montaxe do escenario, que comezou o sábado e que estará rematado este xoves, día no que a banda británica ofrecerá a súa histórica actuación en Vigo co patrocinio da Xunta a través do Xacobeo 21-22.
Tras o percorrido polo estadio, Fernández-Tapias avanzou que a produtora Zircozine, organizadora da cita musical, xa dispón do visto e prace á modificación do Plan de Autoprotección, de forma que poderán venderse outros 2.000 tíckets, todos para a pista de Balaídos, na plataforma online ticketmaster.es (xa se venderon 15.000 entradas en apenas 24 horas).
“Escenario de primeiro nivel”
“Estamos ante unha montaxe de primeiro nivel, o escenario é o máis grande que se instalará en Galicia, é único e estará á altura, como non podía ser doutra forma, do que será o regreso a Balaídos dos grandes concertos”, asegurou a delegada territorial. Ademais, sinalou que trátase da mesma instalación que xa utilizaron os grupos máis importantes do mundo, como Rolling Stones, Metallica, Guns&Roses e Red Hot Chili Peppers, nas súas xiras. Un total de 450 traballadores trababan para instalar o escenario, que se transporta en 16 camións.
Máis de 100 acreditacións de prensa
A representante autonómica tamén ofreceu un dato que pon de manifesto o alcance do concerto en Vigo. “A día de hoxe xa hai máis dun centenar de peticións de medios de comunicación para dar cobertura ao evento, o que deixa ás claras a importancia e a relevancia do concerto”, indicou.
Muse saltará ao escenario ás 22:15 horas e os teloneiros serán os vigueses The Killer Barbies (20:00h) e os ingleses Years&Years (21:00h). “Esta será unha das tres únicas datas que ten reservadas Muse en España e estou segura de que sen ningunha dúbida vai a ser o mellor concerto do verán en Galicia”, sinalou Fernández-Tapias.
Compromiso da Xunta con Vigo
A delegada lembrou que foi o compromiso da Xunta o factor determinante para conseguir que a actuación se celebre en Vigo. “Dixemos desde o principio que a cidade contaría cos mellores concertos do Xacobeo e o cumprimos pese a todos os atrancos que encontramos polo camiño e pese a que houbo quen afirmou que era todo mentira”, sinalou.
Concertos do Xacobeo na área de Vigo
Ademais do concerto de Muse, a Xunta xa programou outra vintena de actuacións na cidade. Así, co patrocinio do Xacobeo tamén estiveron en Vigo C. Tangana (23 de agosto no Porto de Vigo) e Rufus Wainwright (2 de xullo en Afundación).
Tamén celebráronse outros dous ciclos (Xacobeo Vigo e Xacobeo Importa) e dous festivales (Latitudes e Música Urbana). No que respecta á area metropolitana, o Xacobeo 21-22 levou actuacións a Mos (Morat e Tanxugueiras), O Porriño (Taburete), Redondela (M-Clan), Tui (Xoel López), A Guarda (Beret), Soutomaior (Dani Fernández), Cangas (Roi Casal), Baiona (Andrés Suárez) e Oia (Tanxugueiras).