FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA A DECLARACIÓN DE INTERESE AUTONÓMICO PARA O PROXECTO GALICIA SPORTS 360 POLOS SEUS BENEFICIOS ECONÓMICOS E A CREACIÓN DE EMPREGO PARA VIGO
A delegada da Xunta en Vigo considera unha “moi boa noticia” para a cidade a aprobación da iniciativa do Celta para a Factoría do Deporte Galego
“Vigo e a súa área de influencia serán os máis beneficiados polo investimento de 93 millóns de euros e a creación de centos de postos de traballo”, sinalou
O Consello da Xunta dará este xoves o visto e prace á solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto ao abeiro da lei de ordenación do territorio
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este mércores a declaración de interese autonómico para o proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que o Consello da Xunta fará efectivo este xoves. “Vigo e a súa área de influencia serán os máis beneficiados pola iniciativa do Celta, posto que suporá un investimento de 93 millóns de euros e a creación de centos de empregos”, sinalou a representante autonómica.
O pasado 15 de marzo o Real Club Celta de Vigo S.A.D. presentou ante a Secretaría Xeral para o Deporte a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360, ao abeiro da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio.
Ademais, o 4 de xullo a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu informe de carácter favorable sobre a declaración do proxecto como de interese autonómico. En agosto tamén deu o seu visto e prace a Secretaría Xeral para o Deporte.
Segundo explicou a delegada territorial, transcurrido o prazo de dous meses a efectos do cumprimento do trámite de audiencia aos concellos e demais administracións públicas, o Consello da Xunta procederá este xoves á aprobación do proxecto.
“En defensa dos intereses de Vigo”
“Queremos un Vigo grande e este é o proxecto dun Vigo grande”, apuntou. Asimesmo, Fernández-Tapias engadiu que “trátase do lugar escollido polo Celta, estou segura de que vai a ser bo para Vigo e a Xunta vai a apoiar os proxectos que sexan beneficiosos para a cidade, e este sen nengunha dúbida é moi beneficioso”.
A Xunta, na declaración de interese autonómica, considera que o proxecto Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 é un conxunto integrado de edificacións e instalacións ao servizo do deporte que teñen como obxectivo responder as esixencias da preparación para o alto rendemento como para a promoción, fomento e formación dás novas xeracións de deportistas.
