FERNÁNDEZ-TAPIAS ANUNCIA A AUTORIZACIÓN DA XUNTA AO FESTIVAL O MARISQUIÑO PARA CELEBRAR A SÚA PROBA DE SKATE NO APARCADOIRO DA PRAIA DE SAMIL
A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, valora as xestións realizadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para permitir que a competición poida celebrarse na contorna do areal vigués
A Xunta de Galicia comunicou este mércores ao festival O Marisquiño a resolución favorable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para celebrar a súa proba de skate no aparcadoiro da praia de Samil. A autorización do servizo de Urbanismo para a ocupación desta zona de dominio público marítimo-terrestre permitirá aos organizadores trasladar esta modalidade deportiva á contorna do areal vigués.
Con este permiso autorízase á instalación da pista de skate, bancadas de asento para público, un escenario para actividades musicais e servizos médicos e ambulancias para a celebración do festival O Marisquiño entre os días 11 e 14 de agosto.
O Goberno galego é un dos patrocinadores principais da cita co deporte urbano máis importante de Europa que permitirá celebrar de novo a proba da Copa do Mundo de Dirt Jump no paseo das Avenidas da cidade.
Este mesmo martes, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentaba o novo acordo entre o Xacobeo 21-22 e O Marisquiño para que o festival poida celebrarse o vindeiro mes de agosto.
A nova alianza entre a Xunta e os organizadores baséase en tres factores: fomento da cultural local, presenza deportiva no ámbito nacional e unha proba ao máis alto nivel que tan só pódese presenciar noutras tres cidades do mundo.
A representante autonómica xa avanzou durante a presentación que nos vindeiros días ofrecerá máis detalles sobre a programación musical e sobre a montaxe e os participantes na Copa do Mundo de Dirt Jump. “O obxectivo este ano é superar os 160.000 espectadores que se achegaron a Vigo en 2019, antes da pandemia, pero este verano, con Galicia de moda, estamos seguros de que poderemos superar esa cifra”, concluíu.