Fernández-Tapias anuncia a adxudicación dunha nova rehabilitación do Consorcio Casco Vello en Real 13

Trátase, informou a presidenta do organismo e delegada da Xunta en Vigo, dun dos edificios con maior volume construtivo na zona baixa do barrio histórico de Vigo
Esta rehabilitación, que se executará por importe de 557.350 euros, permitirá  engadir a finais do ano que vén catro novas vivendas ao parque do Consorcio

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe da adxudicación á empresa  Prace Servizos e Obras S.A.  dos traballos de rehabilitación da promoción do número 13 da rúa Real.

Así o confirmou tras a celebración do comité executivo do Consorcio Casco Vello, reunido esta mañá con carácter extraordinario. Segundo apuntou a representante autonómica, a oferta presentada pola empresa, que supón unha pequena rebaixa do 3,5% sobre o prezo de licitación recollido no prego de condicións,  alcanza a cifra de 557.350,43 euros (IVE incluído). Asemade, agregou que esta partida dividirase en dúas anualidades, posto que as obras, que comezarán proximamente, concluirán a finais do 2022.

En canto ás características da edificación, tal e como detallou, é unha das de maior volume construtivo na zona baixa do casco histórico vigués, e permitirá engadir catro vivendas e un local comercial ao parque do Consorcio Casco Vello. Cada unha das novas residencias terá unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e contará  cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos.

O proxecto de rehabilitación, que corresponde a Rodríguez e  Rivoira Arquitectos, sumarase así ás outras 5 vivendas xa recuperadas nas dúas promocións previas (Real 16 e Real 25) acometidas polo CCVV nesta rúa. Na mesma sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo organismo público.

O edificio, que tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación,  manterá a súa fachada de pedra con grandes ventás, sen dúbida o elemento máis característico desta centenaria construción, como se recolle na ficha correspondente do PEPRI do Casco Vello.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou o intenso labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 83 edificios e a posta no mercado de 115 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).