FERNÁNDEZ-TAPIAS ALERTA QUE O ALCALDE ATRASA DE NOVO O IES DE NAVIA AO REXEITAR O CONVENIO QUE O GOBERNO GALEGO REMITIULLE XA HAI 20 DÍAS
Ante as declaracións de Abel Caballero rexeitando o convenio para a construción do IES de Navia, a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias, quere alertar de que o alcalde de Vigo atrasa de novo unha dotación de vital importancia para o barrio ao rexeitar o convenio que o Goberno galego remitiulle xa hai 20 días.
“Tratase dunha infraestrutura clave para Navia e, como tal debe quedar allea a calquera interese político e partidista”, sinalou a representante autonómica tras coñecer que o Concello de Vigo rexeitou a proposta da Administración e remitiu outro escrito no que non acepta a cesión directa dos terreos para o instituto.
A delegada lembrou que o rexedor leva enredando desde o ano 2020 e proba diso é que o convenio que propoñía entón non era viable posto que a titularidade dos terreos eran de ámbito privado. “O devandito convenio no que se escuda agora o alcalde non era posible ata xaneiro do 2022, data dende a que a Xunta dispón dos terreos, polo que non entendemos que reabra unha cuestión xa superada”, sinalou.
Engade tamén que por todo isto, en canto foi posible ter un instrumento urbanístico, a Xunta de Galicia remitiu a proposta ao Concello de Vigo con data de 28 de abril. “Perdemos outro mes e de novo atopamos os atrancos do alcalde, que repite a mesma estratexia destrutiva que toma ante calquera iniciativa do Goberno galego”, insistiu.
Fernández-Tapias pediu de novo a Abel Caballero que asine o acordo entre as tres partes (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Concello de Vigo) que ten sobre a mesa, para que o departamento educativo da Xunta licite de forma inmediata a redacción do proxecto de construción do instituto, para o que xa hai aprobada unha partida orzamentaria.
“O que ten que facer o alcalde é firmar dunha vez o convenio, ceder os terreos e deixar de enredar, porque xa que non aporta nada economicamente, polo menos que non entorpeza a labor da Xunta para dotar ás familias de Navia da nova dotación educativa”, concluiu.