Feijóo defende na Xunta Directiva Provincial que é o momento de baixar impostos para impulsar a recuperación económica

Lembrou que as rebaixas fiscais acometidas na Comunidade permitiron aforrar aos galegos máis de 1.000 millóns de euros nos últimos cinco anos
A Comisión Organizadora trasladou a Santiago o 17º Congreso do PPdeG (multiusos Fontes do Sar) unha vez coñecidas as restricións na cidade de Pontevedra froito da súa situación sanitaria. Unha decisión tomada por responsabilidade e prudencia, elixindo Santiago por ter unha incidencia acumulada menor e en risco baixo.
Pide que Pontevedra sexa a sede do seguinte gran acto que organice o partido unha vez que as restricións pola pandemia queden superadas
Toda a actualidade do Congreso, a súa organización e contidos, aquí

O candidato á Presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou o proxecto da súa candidatura ao 17º Congreso autonómico na Xunta Directiva provincial do PP de Pontevedra, onde aseverou que é o momento de baixar impostos para impulsar a recuperación económica.

Alí salientou a proposta dos populares para actuar na meirande parte dos impostos: consolidando o IRPF como un dos máis baixos de España para a maioría das rendas de Galicia, revisando progresivamente o imposto de Patrimonio para adaptalo ao entorno dos países europeos, redobrando a aposta polo modelo de Impostos Cero no Rural e baixando o imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.  “Esta será, despois da de 2016, a baixada de impostos máis grande que nunca fixo un Goberno autonómico en 40 anos”, subliñou.

Así mesmo, fixo fincapé en defender a autonomía tributaria de Galicia e o noso sistema de herdanzas en vida, do que se beneficiaron 160.000 persoas nos últimos cinco anos. Sobre isto, asegurou que non consentirá que o Executivo central trate a estes cidadáns como defraudadores, en referencia á intención do Goberno de penalizar unha figura que axudou a tantas familias.

Cómpre lembrar que a nosa Comunidade demostrou que é posible manter ao mesmo tempo o rigor ao cadrar as contas, a constante mellora dos servizos públicos e unha presión fiscal entre as máis baixas de España.

Nese senso, Feijóo destacou que as rebaixas en impostos acometidas no último lustro permitiron aforrar aos galegos máis de 1.000 millóns de euros, sinalando que foron catro os colectivos prioritarios nos que se centrou esta baixada: menores de 36 anos, persoas con discapacidade, familias numerosas e habitantes do noso rural.