‘COMPROMISO NA DISTANCIA’, A MOSTRA QUE PERCORRE A VIDA E OBRA DE FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, RECALA EN VIGO
A delegada territorial de Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inauguraron hoxe a exposición que permanecerá aberta ao público ata finais do mes de agosto na sede autonómica na cidade
Enmarcarse nas máis de 150 actividades que o Goberno galego pon en marcha ao longo do ano pola programación especial das Letras Galegas en homenaxe ao autor
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo, participaron esta mañá na inauguración da exposición itinerante Compromiso na distancia, unha das iniciativas coas que o Executivo autonómico celebra o Día das Letras Galegas 2022, dedicado este ano á figura de Florencio Delgado Gurriarán.
Durante a súa intervención, Fernández-Tapias sinalou que “a nosa riqueza literaria é tan infinita como a terra á que tantos versos lle dedicou Delgado Gurriarán”, en clara alusión á Galicia a ambos os dous lados do Atlántico e que, aos ollos do escritor ourensán, «era máis que a terra enteira».
“Hoxe ábrense as portas desta Delegación para achegar a todos os vigueses e vigueses o legado de Florencio Delgado para quen os 8.600 quilómetros que separan Galicia de México non supuxeron obstáculo para seguir impulsando a cultura galega desde o exilio”, incidiu a representante da Xunta en Vigo.
Pola súa parte, o director xeral de Cultura indicou que esta mostra “quere difundir a obra máis significativa do escritor ourensán e dar a coñecer os lugares onde transcorreu a súa vida: tanto as terras valdeorresas ás que tanto cantou nos seus versos, como as mexicanas que o acolleron e tamén influíron na súa poética”.
Ambos os dous fixeron un chamamento á cidadanía “a achegarse ata a Delegación Territorial da Xunta en Vigo para descubrir e coñecer ao gran protagonista destas Letras, pois a exposición achega información e imaxes sobre Florencio que doutro xeito non son accesibles”.
De seguido, tivo lugar un percorrido pola exposición, a cargo do escritor Héctor Cajaraville, encargado do texto central e da documentación da mostra que permanecerá aberta ao público ata finais do mes de agosto.
Tras Vilamartín de Valdeorras, concello natal do homenaxeado, Santiago, A Coruña e Chantada, Compromiso na distanciafai parada en Vigo antes de dirixirse a Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.
Da infancia á madurez
Compromiso na distancia consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un completo percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, desde a súa infancia ata a súa madurez, incluíndo as súas experiencias en terras mexicanas e o regreso a Galicia coas primeiras publicacións.
O texto central e a documentación corre a cargo de Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais, Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, sendo fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.
A exposición está enmarcada entre as máis de 150 actividades que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán.