CINCO SERVIZOS CIRÚRXICOS COLABORAN NUNHA INTERVENCIÓN DE ALTA COMPLEXIDADE
Especialistas en Uroloxía, Cirurxía vascular, Cirurxía xeral, Cirurxía cardíaca e Anestesia, xunto co persoal de enfermaría, perfusionista e celadores, participaron nunha operación para extirpar un tumor maligno de ril gran dimensión, que chegaba ao corazón
A intervención foi un éxito e o paciente, un home de Vigo de 64 anos, está dado de alta e evoluciona sen complicacións
A cirurxía, realizada con circulación extracorpórea, consistiu na extracción dun ril e do trombo tumoral, polo que foi necesario abrir a aurícula e reconstruír toda a vea cava
Tratábase dunha cirurxía de risco e moi esixente, que solo foi posible grazas ao traballo en equipo das diferentes especialidades cirúrxicas
Os profesionais da Área Sanitaria de Vigo veñen de realizar con éxito unha intervención multidisciplinar, de gran complexidade, nos quirófanos do hospital Álvaro Cunqueiro.
Así, grazas á colaboración de especialistas de cinco servizos cirúrxicos – Uroloxía, Cirurxía vascular, Cirurxía xeral, Cirurxía cardíaca e Anestesia– conseguiron extirpar un tumor maligno de ril de gran dimensión, que chegaba ata o corazón. Ademais destas especialidades cirúrxicas participaron tamén a Unidade de Radioloxía Intervencionista e os servizos de Radioloxía e Cardioloxía.
En total, ata unha vintena de profesionais estiveron no quirófano, xa que ademais dos especialistas, hai que engadir ao persoal de enfermaría, perfusionista, técnicos de imaxe diagnóstica e celadores.
Caso singular
A singularidade e excepcionalidade deste caso radica tanto na patoloxía do paciente como no seu tratamento.
O paciente, un home de Vigo de 64 anos, presentaba un tumor maligno no ril dereito que infiltrouse pola vea renal, ocupando toda a vea cava e veas do fígado, chegando ata a aurícula dereita do corazón.
Segundo o coordinador desta intervención, o urólogo Benito Rodríguez, “trátase dunha patoloxía moi infrecuente polo que a abordaxe cirúrxica presentaba gran complexidade, precisando dunha intervención multidisciplinar. Isto foi posible grazas a dispoñer, ademais dos recursos humanos, dunha importante dotación tecnolóxica no hospital Álvaro Cunqueiro”.
No momento actual, o paciente esta xa dado de alta hospitalaria e evoluciona sen complicacións.
Cirurxía de alto risco e traballo en equipo
A operación, que prolongouse durante 8 horas, consistiu na extirpación radical do ril dereito e do trombo tumoral da vea cava e da aurícula dereita. Para isto, os especialistas tiveron que abrir a aurícula, para extraer o tumor, e posteriormente realizar a reconstrución da vea cava .
Foi necesario empregar o sistema de circulación extracorpórea, no que unha máquina realiza a función do corazón. Deste xeito, conéctanse as veas e arterias principais do paciente ao equipo electrónico, que recibe o sangue, o osixena e despois o devolve ao organismo.
Os profesionais amosan a súa satisfacción polo éxito desta intervención e poñen en valor que foi o resultado dunha acción conxunta multidisciplinar.
“Tratouse dunha cirurxía de alto risco e moi esixente, que solo foi posible grazas a un bo traballo en equipo, que requiriu dun gran esforzo colaborativo, de gran coordinación e dunha rigorosa labor previa de planificación”, asegura o doutor Rodríguez.
Pé de foto: parte do equipo participante na intervención. De esquerda á dereita, o xefe de Cirurxía Vascular, Dr. Encisa; o xefe de Cirurxía Cardíaca, Dr. Legarra; a anestesista, Dra. Varela; a cirurxiá cardíaca, Beatriz Acuña; o cirurxián Dr. Carracedo; o urólogo Dr. Rodríguez e o xefe de Uroloxía, Dr. Baños.